saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de xaneiro de 2021

 
4.2 4024 (11/PNP-000448)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Francisco Rivera, Juan Carlos e 3 máis
Sobre o establecemento polo Goberno galego de axudas directas para o sector dos autónomos e pemes ligadas directamente ao sector da hostalaría
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a adoptar de xeito urxente, dentro das súas capacidades orzamentarias, axudas directas ao sector dos autónomos e pemes ligadas directamente ao sector da hostalaría”.
 
 4.3 4867 (11/PNP-000554)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co aumento do nivel de mortalidade e morbilidade en Galicia desde o inicio da pandemia da covid-19
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 44, do 11.11.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
 1. Realizar de inmediato un estudo para determinar o aumento do nivel de mortalidade e morbilidade en Galicia desde o inicio da pandemia orixinada pola COVID-19.
2. Presentar o resultado do estudo no Parlamento de Galicia.
3. Tomar todas as medidas precisas, coa activación dun plan de continxencia que contemple as necesidades de persoal e de medios para a atención sanitaria ordinaria e as extraordinaria derivadas da COVID tanto en Atención Primaria como Hospitalaria que garanta a atención sanitaria de todas as patoloxías á poboación.”
 
4.4 6202 (11/PNP-000717)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 63, do 16.12.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para demandarlle:
 
1.- Que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis lle recoñecen a Galicia.
 
2.- Que non chegue a acordos á marxe do Consello de Política Fiscal e Financeira e a Comisión Mixta de Transferencias Estado – Comunidade Autónoma de Galicia, como órganos multilaterais e bilateral para a  adopción de acordos que afectan á capacidade financeira de  Galicia, e por tanto sen a participación da vontade da propia CA de Galicia expresada, como sinala a propia normativa, a través dos seus  representantes democráticos e lexítimos, esto é, a Xunta de Galicia.
 
3.- Que propicie, na tramitación parlamentaria do Proyecto de Ley de Medidas de prevención y lucha contra el fraude fiscal, actualmente no Congreso, a supresión do artigo que reforma a Ley 35/2006 del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas para introducir a ficción legal consistente en declarar como comportamento fraudulento, que non admite proba en contrario, toda venta dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia; por tratarse dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, e do principio de lealdade institucional que debe presidir as relacións entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.”
 
4.6 7581 (11/PNP-000805)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rey Varela, José Manuel e 6 máis
Sobre as actuacións da Xunta de Galicia relativas ao pazo de Meirás e a súa cesión e xestión
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 75, do 13.01.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Solicitar da Administración Xeral do Estado a cesión do Pazo de Meirás, así como a colaboración no financiamento dos custos derivados do seu mantemento en condicións e da súa apertura ao público.
 
2.- Acordar no seno da comisión técnica, integrada polos membros do Goberno do Estado, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Sada, a fórmula de xestión durante o período previo á sentenza definitiva e un plan de usos que posibilite e compatibilice:
 
a) Usos vencellados á figura de Emilia Pardo Bazán no eido da cultura e da creación intelectual, así como á promoción da igualdade, dado o carácter pioneiro da escritora no ámbito do feminismo.
 
b) Usos turísticos relacionados cos programas de visitas ao pazo e ao predio.
 
c) Usos relacionados coa memoria histórica mediante o desenvolvemento dun programa expositivo, informativo, didáctico e divulgativo sobre o réxime franquista, o espolio de bens por parte da ditadura e do ditador, e a loita social, política e institucional pola súa recuperación, así como usos que manifesten a superioridade dos valores democráticos fronte ás ditaduras, relatando a historia das Torres de Meirás na súa totalidade.
 
d) Propoñer a organización no Pazo de Meirás dun acto de recoñecemento ás persoas, entidades memorialistas, e institucións que ao longo das últimas catro décadas se implicaron na reivindicación da devolución do Pazo de Meirás.
 
3.- Que as administracións públicas integradas na comisión técnica para definir os usos das Torres de Meirás desenvolvan e dean cobertura ás conclusiońs do grupo de persoas expertas designadas para esta tarefa”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina