saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 20 de abril de 2021

A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 20 de abril de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 1839 (11/PNC-000176)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 7 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e á Comisión Europea en relación co impacto para a frota pesqueira de Galicia da decisión de inserir o marraxo dientuso no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas da Fauna e Flora Silvestres, CITES
BOPG n.º 19, do 22.09.2020
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno central e da Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo dientuso que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que as diferentes ORP e a UE teñen adoptado en favor desta especie."

- 13455 (11/PNC-001355)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
González Iglesias, María do Carme e 2 máis
Sobre a demanda por parte do Goberno galego ao Goberno central da rebaixa ao 4% do IVE aplicado ao peixe e marisco
BOPG n.º 119, do 05.04.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno do Estado a redución do IVE dos produtos pesqueiros (peixe e marisco) do actual 10% ao superreducido do 4%, tendo en conta que se trata dun produto de primeira necesidade e o seu consumo é fundamental para manter a saúde da cidadanía."

- 13630 (11/PNC-001381)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central, así como as actuacións que debe levar a cabo, en relación co impacto, para a frota artesanal de Galicia, da reforma do Regulamento de control da pesca que acaba de aprobar o Parlamento Europeo
BOPG n.º 121, do 07.04.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
-Demandar do Goberno do Estado, de cara á tramitación aínda pendente, a defensa clara da frota artesanal galega:
 
1.-Opoñéndose ás medidas que contempla o Regulamento de Control da pesca, nomeadamente a inclusión das cámaras a bordo, a imposición da xeolocalización e a obriga do diario electrónico de pesca.

2.-Propoñendo medidas alternativas e non invasivas dialogadas co sector.

3-Impulsando a modificación da definición de frota artesanal tendo en conta os criterios que vén formulando o propio sector dende hai anos.

4.-Levando a cabo todas as actuacións precisas para excluír a frota artesanal do sistema de TACs e cotas.

5.-Negociando unha maior dotación dos fondos europeos, nomeadamente do FEMPA, para atender a eventual obrigatoriedade dos mecanismos de control recollidos agora no Regulamento sen que vaian a conta de partidas destinadas a outras necesidades do sector nin, en ningún caso, do propio sector.
 
-Dar a coñecer publicamente o seu posicionamento sobre o Regulamento de Control da pesca que vén de aprobarse no Parlamento europeo
 
-Exercer as súas propias competencias en augas interiores e aplicar as normas de control propias.
 
-Elaborar as previsións económicas que permitan, no caso de que se aprobe finalmente nos mesmos termos o Regulamento de Control, atender os custos da implementación das medidas”

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina