A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 5 de maio de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 10738 (11/PNC-001092)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia a que demande ao Goberno de España unha pronta negociación cos Estados membros de cara a obter do BAR “Brexit Adjustment Reserve”; (“Reserva de Adaptación ao Brexit”), un apoio para os sectores afectados tanto directa como indirectamente polo acordo de saída do Reino Unido en materia pesqueira, e a buscar apoios e aliados entre as rexións europeas afectadas por este acordo de cara a defensa de criterios favorables para o sector pesqueiro galego neste ámbito
BOPG n.º 96, do 17.02.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande ao Goberno de España unha pronta negociación cos Estados membros de cara a obter do BAR “Brexit Adjustment Reserve” (“Reserva de Adaptación ao Brexit”), un apoio para os sectores afectados tanto directa como indirectamente polo acordo de saída do Reino Unido en materia pesqueira, e a buscar apoios e aliados entre as rexións europeas afectadas por este acordo de cara a defensa de criterios favorables para o sector pesqueiro galego neste ámbito”.
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 13560 (11/PNC-001369)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Castro García, Daniel e 2 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central, así como á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, en relación coa creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao e a liberalización e apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de Alcoa, en San Cibrao
BOPG n.º 119, do 05.04.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Instar ao Goberno do Estado para que inicie as negociacións oportunas para liberalizar e abrir ao tráfico comercial o dique norte do Porto de Alcoa en San Cibrao.
2. Instar ao Goberno da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a que en tanto non se cree a autoridade portuaria de San Cibrao proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Cibrao de xeito que estes ingresos revertan na costa de Lugo.
3. Demandar do Goberno do Estado a creación da Autoridade Portuaria de SanCibrao, segregándoa da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.”
- 14082 (11/PNC-001433)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e a demanda que debe realizar ao Goberno central e á Unión Europea en relación co impacto do novo Regulamento de Control da Pesca no sector marisqueiro de Galicia
BOPG n.º 126, do 21.04.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a defender as súas competencias exclusivas en materia de marisqueo e a demandar do goberno do Estado e da UE a exclusión do sector do novo Regulamento de Control da Pesca, levando a cabo para ese fin todas as actuacións que sexan necesarias.”
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021