saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de maio de 2021

4.1 2224 (11/PNP-001472)
Grupos Parlamentarios do Bloque Nacionalista Galego e dos Socialistas de Galicia
Para unha canle Xabarín Club na Televisión de Galicia e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 126, do 21.04.2021
Publicación do acordo, BOPG n.º 130, do 28.04.2021

O texto aprobado é o seguinte:

 “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1º.- Que a Corporación de Radio Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG. O sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.

2º.- Reclamar do Goberno de España que dentro do marco das súas competencias  promova as medidas precisas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

3º- Instar o goberno español a impulsar o cumprimento do contido dos artigos do Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico, e  que a nova Lei recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.”

4º.- Así mesmo o Parlamento insta o goberno galego a chegar a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como a impulsar o avance das accións necesarias para a recepción mutua TVG-RTP  en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou minoritarias, tendo en conta as súas condicionantes técnicas e económicas para o tecido produtivo e publicitario, e da simetría no alcance de audiencias”. 


4.2 10805 (11/PNP-001063)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da encomenda da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia, na ría de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 101, do 24.02.2021

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

1.- Que demande de todas as Administracións publicas, especialmente ao Goberno de España, a firma dun pacto de Estado por Ferrol que dea unha resposta conxunta aos problemas da comarca, protexa o emprego e a industria e se garanta un futuro para Ferrol, Eume e Ortegal.

2.- Esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar". 

4.6 14661 (11/PNP-001445)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 13 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa lexislación orgánica en materia de saúde pública.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 130, do 28.04.2021

O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:

1. Que proceda a unha adecuación da lexislación orgánica en materia de saúde pública que lle aporte maior detalle e concreción, en orde a proporcionar ás autoridades sanitarias competentes o mellor marco xurídico posible para afrontar as situacións presentes e futuras de risco grave para a saúde pública, tal e como o propio Goberno se tiña comprometido a facer e como lle reclamaron tanto a Comisión para a Reconstrución Social e Económica creada no Congreso dos Deputados como o Consejo de Estado.

2. Que, namentres non conclúa ese comprometido proceso de actualización e desenvolvemento da lexislación orgánica en materia de saúde pública, desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polos distintos órganos lexislativos autonómicos para facer fronte, de acordo cos principios constitucionais de eficacia administrativa e seguridade xurídica, ás necesidades ás que se enfrontan as autoridades sanitarias competentes e para as que a actual lexislación orgánica resulta insuficiente.”


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina