saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre a situación do pobo palestino

Co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino, que se celebra o 15 de maio, o Parlamento de Galicia reclama da comunidade internacional que esixa a Israel:

O cumprimento das resolucións das Nacións Unidas.

O respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos.

O respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino.

O recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas.

Manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana.

O Parlamento de Galicia non escatimará esforzos en contribuír desde Galicia a construír unha orde internacional xusta co amparo da legalidade internacional, un mundo en que a forza fique sempre sometida ao dereito.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina