saltar ao contido

O Parlamento de Galicia patrocinará a edición en galego do principal ensaio feminista de Emilia Pardo Bazán

 
 
• A Cámara galega colaborará coa Real Academia Galega para publicar a tradución ao galego de “La educación del hombre y de la mujer”, publicado en Nuevo Teatro Crítico en 1892
 
Santiago, 12 de maio de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, mantiveron estar tarde unha reunión de traballo na que acordaron publicar, co patrocinio da Cámara, a tradución ao galego do ensaio de Emilia Pardo Bazán titulado “La educación del hombre y de la mujer”, que viu a luz en Nuevo Teatro Crítico en 1892.
 
Este traballo nunca foi publicado como obra independente, nin sequera en castelán, malia que se trata do ensaio feminista máis importante de Emilia Pardo Bazán, no que argumenta as razóns polas que a muller debe ter acceso a todos os niveis de educación e ao exercicio das profesións correspondentes e no que analiza, de xeito novidoso, os fundamentos da discriminación das mulleres.
 
O volume contará cun estudo introdutorio elaborado pola académica Marilar Aleixandre, que tamén participou na reunión celebrada esta tarde no Parlamento de Galicia. A tradución da obra correrá a cargo de Mónica Bar Cendón.
 
Con esta iniciativa, o Parlamento de Galicia súmase á celebración do centenario de Emilia Pardo Bazán, falecida tal día coma hoxe, o 12 de maio de 1921
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina