saltar ao contido

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos recolle doazóns de sangue este martes no Parlamento de Galicia

Santiago, 25 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia acolleu, na mañá deste martes, unha nova campaña de captación de doazón de sangue a través dunha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) que estivo a disposición de deputadas e deputados e persoal da institución.
 
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García, visitou a unidade móbil para agradecer o traballo dos profesionais e das persoas doadoras, ao tempo que animou ao conxunto da sociedade a doar sangue, unha activade solidaria e completamente segura.
 
ADOS lembra que todos os días precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos podan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial, unha necesidade constante e que non diminúe a pesares das dificultades engadidas desde o inicio da crise sanitaria pola pandemia da covid-19.
 
Unha unidade móbil de doazón de sangue visita polo menos dúas veces ao ano o Parlamento de Galicia, dentro da campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos. Desde o ano 2001, as unidades móbiles de ADOS visitaron en dezaoito ocasións o Parlamento de Galicia, acadando un total de 464 doazóns de sangue, no transcurso destas visitas.
 
Na última campaña de doazón desenvolvida no Parlamento de Galicia, no pasado mes de novembro en pleno estado de alarma, doaron sangue 33 persoas, a segunda campaña con máis participación de todas as desenvolvidas na cámara lexislativa galega.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina