saltar ao contido

O Parlamento de Galicia patrocina un libro sobre Xaquín Lorenzo, Xocas, editado polo Museo do Pobo Galego

 
 
• Santalices considera que as institucións teñen a obriga de apoiar proxectos deste tipo, “imprescindibles para coñecer e comprender mellor a nosa cultura e a nosa historia”
 
• “A Galicia actual está en débeda con figuras como Xaquín Lorenzo, que traballaron sen descanso e sen máis recompensa que o convencemento de que trataban de contribuír ao engrandecemento de Galicia”, afirma o presidente do Parlamento

Santiago, 26 de maio de 2021.- O Museo do Pobo Galego acolleu esta tarde a presentación do libro Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández, editado polo propio Museo co patrocinio do Parlamento de Galicia.
 
O volume recompila os contidos da sesión académica celebrada en Ourense o 18 de xullo de 2019, coincidindo do trinta aniversario do pasamento de Don Xaquín, ademais de incorporar contidos  adicionais que enriquecen este achegamento  á figura de quen, segundo Otero Pedrayo, foi “o maior etnógrafo da península ibérica”.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou o patrocinio desta edición na “obriga” das institucións públicas de “apoiar os proxectos culturais que independentemente da rendibilidade monetaria, son imprescindibles para coñecer e comprender mellor a nosa cultura e a nosa historia”.

Primeiro presidente do Museo do Pobo Galego
 
Da intensa traxectoria de Xaquín Lorenzo, Santalices destacou a súa intensa vida de entrega á cultura galega, o seu compromiso galeguista e a súa condición de impulsor e primeiro presidente do Museo do Pobo Galego.
 
Cando se está a conmemorar o corenta aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia  que, xunto á Constitución, “blindou a autonomía política que a Comunidade exerce hoxe, convertida nun dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa”, Santalices puntualizou que “nada é casual, senón froito do longo e moitas veces tortuoso camiño que Galicia foi obrigada a percorrer antes de tomar as rendas do seu destino”.
 
Galicia, en débeda con Xaquín Lorenzo
 
A xuízo do presidente do Parlamento, a Galicia actual está en débeda con figuras como a de Xaquín Lorenzo; como as dos seus mestres das Irmandades da Fala e da Xeración Nós; ou como as dos seus compañeiros do Seminario de Estudos Galegos.
 
“Todos –agregou Santalices Vieira- traballaron sen descanso , sen máis recompensa que o íntimo convencemento de que trataban de contribuír para o engrandecemento de Galicia. Nada do que hoxe somos tería sido posible sen eles, incluído este Museo do Pobo Galego, felizmente consolidado e digno continuador  do traballo iniciado antes da Guerra polo Seminario de Estudos Galegos”.
 
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra por María Xosé Fernández Cerviño, patroa do Museo do Pobo Galego; Justo Beramendi, presidente do Padroado; e Valentín Garcia, secretario xeral de Política Lingüística.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina