saltar ao contido

Santalices reivindica o “acerto” da descentralización propiciada pola Constitución e a “harmoniosa” inserción de Galicia no Estado

 
• O Parlamento acolle esta mañá unha xornada sobre as institucións estatutarias, inaugurada polo vicepresidente da Xunta de Galicia e  organizada no marco da conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia
 
• A presenza de relatores procedentes de Portugal leva a Santalices a reiterar os “vínculos fraternais” de Galicia co país veciño, e tamén  a “firme vocación europea” da Comunidade

Santiago, 28 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia acolle, na mañá deste venres, unha xornada sobre os retos e oportunidades das institucións estatutarias de Galicia -Consello da Cultura Galega, Valedor do Pobo e Consello de Contas-, organizada no marco da conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía da Comunidade. A actividade foi inaugurada polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e continuará con cadansúa mesa redonda monográfica dedicada a cada unha destas tres institucións.
 
Ao inicio do acto, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou que ao convidar a esta xornada a personalidades que desempeñan altas responsabilidades no Reino de España e na República de Portugal búscase o intercambio de experiencias sobre  actividades análogas, pero tamén facer visible unha tripla realidade.
 
Trátase, a xuízo de Santalices, de subliñar “a efectiva e harmoniosa inserción de Galicia no ordenamento institucional do Estado derivado da vixente Constitución española, reiterando a nosa lealdade e colaboración, e acreditando o acerto que supuxo a descentralización derivada do estado das Autonomías”.
 
Reivindicou tamén “os nosos vínculos fraternais con Portugal, enraizados na historia desde a vella Gallaecia, e revitalizados, nas súas diferentes manifestacións, coa consolidación da democracia nos dous países”. No caso do Parlamento de Galicia, ese “compromiso inquebrantable” acadou a súa meirande expresión coa aprobación unánime, a comezos de 2014, da denominada Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
 
Ao tempo, como indicou o presidente do Parlamento, buscase tamén “poñer de manifesto a firme vocación europea e europeísta de Galicia, evidenciando que o sentimento galego é perfectamente compatible coa nosa condición de españois e europeos de pleno dereito”.
 
Programa
 
A primeira das mesas redondas programadas leva por título “Consello da Cultura Galega. Unha experiencia comparada” e contará coa participación da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; e a directora en Portugal da Organização dos Estados Ibero-americanos para a Educação, Ciência e Cultura, Ana Paula Laborinho.
 
De seguido, desenvolverase a mesa redonda “A institución do Valedor do Pobo. Defensa dos dereitos da cidadanía nunha sociedade en tránsito”, coa participación da valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño; o defensor do Pobo de Navarra, Francisco Javier Enériz Olaechea; e o profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Alcalá de Henares, director dos informes anuais da Federación Iberoamericana de Ombudsman e director do programa de apoio ás defensorías do pobo de Iberoamérica, Guillermo Escobar Roca.
 
A terceira das mesas redondas -“Consello de Contas. Fiscalización do sector público. Novas competencias e retos”- correrá a cargo do conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo López; o presidente do Tribunal de Contas de Portugal, José F. Tavares; e o presidente da sección de Fiscalización do Tribunal de Cuentas, Javier Medina Guijarro.
 
As tres mesas redondas serán moderadas por outros tantos profesionais da Corporación Radio e Televisión de Galicia, “esencial no proceso de desenvolvemento  e consolidación da nosa autonomía e, tamén, na normalización da lingua e a promoción da Cultura de Galicia”, en palabras de Santalices.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina