saltar ao contido

Santalices reivindica o papel determinante das vacinas ao longo da historia fronte aos “insensatos” que as rexeitan


 
• O presidente do Parlamento participou en Santiago na presentación do libro “Pandemias”, obra do profesor Gestal Otero orientada ao público xeral, pero co rigor científico que caracteriza ao autor

Santiago, 15 de xuño de 2021.- O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou esta tarde en Santiago o acto de presentación do libro “Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidad”, obra do profesor Juan Gestal Otero, catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.
 
Na súa intervención, Santalices Vieira, outrora alumno do profesor Gestal na Facultade de Medicina de Santiago, gabou os “inmensos coñecementos científicos, pero tamén a vocación didáctica, a calidade expositiva e a xenerosidade sen límites” do catedrático.
 
Plan de Parlamento fronte á covid-19
 
Sobre esta última cualidade, apuntou que o profesor Gestal Otero asesorou “gratis et amore” ao Parlamento de Galicia no deseño e implantación do Plan de continxencia da institución fronte á covid-19, un documento que suscitou reiterados eloxios polo seu rigor.
 
Para o presidente do Parlamento, o libro “Pandemias” é un exemplo “de todo o que acabo de dicir, na medida en que o profesor Gestal, desde o rigor que o caracteriza, comparte os seus coñececementos enciclopédicos co público en xeral”, facendo uso dun estilo ameno que o fai accesible para todas as persoas.
 
Defensa das vacinas
 
Santalices Vieira aproveitou a súa intervención para subliñar o “papel determinante das vacinas ao longo da historia”, feito que considerou necesario recordar “fronte ao insensatos que aínda a día hoxe lle dan credibilidade ás mensaxes dos antivacinas”.
 
Outra das conclusións do presidente do Parlamento á vista do contido deste libro reside no “papel histórico de Galicia”, moitas veces descoñecido, no ámbito da saúde pública, acadado a través da Expedición Filantrópica da Vacina que zarpou do porto da Coruña en 1803 para levar a vacina contra a varíola a América e, desde alí a outros asentamentos de ultramar. Nesa expedición, destacou o traballo de Isabel Zendal, galega de Ordes, á que a OMS recoñeceu como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
 
Xa para rematar, o presidente do Lexislativo galego remarcou a importancia do coñecemento científico, convencido de que “só a ciencia asegura o progreso e a superación das pandemias”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina