saltar ao contido

Personalidades das institucións e entidades sociais, académicas e culturais súmanse á conmemoración do 40 aniversario da autonomía de Galicia coa lectura do Estatuto en vídeo

 
• O Parlamento de Galicia publicará diariamente na súa web e nas redes, desde este venres, vídeos desta iniciativa
 
• Cada persoa foi convidada a dar lectura a un artigo do Estatuto
 
• O presidente da Xunta dá lectura ao artigo 1, seguido do presidente do Parlamento co artigo 2, o delegado do Goberno co 3, e así sucesivamente
 
Santiago, 1 de outubro de 2021.- No marco da conmemoración do 40 aniversario da Autonomía de Galicia, o Parlamento impulsa unha iniciativa consistente na lectura do Estatuto de Autonomía por parte de diferentes personalidades das institucións, entidades sociais, académicas e culturais para a súa posterior difusión a través da web e as redes da Cámara galega.
 
Cada unha das persoas participantes foi convidada a gravar un vídeo dando lectura a un artigo ou disposición do Estatuto de Autonomía de Galicia, que se irán publicando diariamente na web do Parlamento e nas redes.
 
O primeiro vídeo corresponde ao artigo 1 do Estatuto de Autonomía de Galicia coa súa lectura a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O segundo vídeo, correspondente ao artigo 2, será ligo polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e farase público mañá sábado. O domingo será a quenda do delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, que lee o artigo 3.
Os seguintes protagonistas desta iniciativa serán os expresidentes da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.
 
De seguido participará o xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra e representante institucional de las Fuerzas Armadas, os expresidentes/as do Parlamento de Galicia, membros da Mesa da Cámara e portavoces parlamentarios, valedora do Pobo  e así sucesivamente ata completar unha nómina de 68 persoas.
 
Lealdade institucional
 
Con esta iniciativa, o Parlamento de Galicia busca reforzar a proxección social da conmemoración do 40 aniversario da Autonomía de Galicia e poñer de manifesto a lealdade institucional e a plena inserción de Galicia no marco estatutario e constitucional.
 
O Parlamento de Galicia está a desenvolver, ao longo deste ano, unha programación específica para conmemorar as catro décadas de autonomía de Galicia. Comezou o pasado 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto, coa entrega da Medalla do Parlamento á Xeración Nós, á que seguiron outras actividades. A máis recente foi unha xornada sobre igualdade, celebrada o luns desta semana, coa participación das primeiras deputadas e mulleres da empresa, a ciencia e o deporte. A Cámara traballa xa na programación de outras actividades que, desde unha óptica plural, contribúan a divulgar a historia da autonomía galega.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina