saltar ao contido

Resolucións aprobadas no Debate anual sobre política xeral

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 13 de outubro de 2021 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 21623, 11/DEBA-000001), as seguintes resolucións:
 
1.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España a materialización do compromiso asumido cos galegos e galegas da chegada do AVE a Galicia neste mesmo outono, dotando a liña de trens AVRIL que permitan tempos de viaxe competitivos; a rebaixa do tren Avant que comunica Ourense con Santiago e A Coruña para homologalo con outras liñas do resto de Galicia; a recuperación e o incremento de servizos, coa implantación do tren de proximidades, sempre que sexa posible, e as conseguintes vantaxes en canto a frecuencias, horarios e prezos; así como os investimentos necesarios para a modernización da rede ferroviaria galega, para estender os beneficios da alta velocidade a Lugo, a Vigo e a Ferrol, e para lograr que a inclusión do noroeste peninsular no corredor atlántico se traduza na modernización real e efectiva da rede ferroviaria de mercadorías, co impulso de actuacións estratéxicas, a saída sur de Vigo, a liña de alta velocidade Vigo-Porto, a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña, do porto de Vigo e das plataformas loxísticas-portos secos, ademais da modernización da liña Ferrol-Ribadeo.»
Aprobada por 61 votos a favor,  ningún en contra e 13 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. do Bloque Nacionalista Galego e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia)

2.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que continúe desenvolvendo as medidas previstas nos plans de goberno dixital e de mellora da xestión dos servizos públicos, así como no programa de integridade institucional, dirixidas á renovación e transformación cara a unha administración dixital, fomentando a mellora continua das prácticas de transparencia e bo goberno, na acción do goberno e na actividade da Administración, tanto a nivel institucional como económico, aumentando a participación cidadá.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia  e o G.P. dos Socialistas de Galicia  verbo da proposta de resolución núm. 16 do G.P. dos Socialistas de Galicia )

3.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que publique o antes posible o Plan galego integral de loita contra a explotación sexual e trata, que está a elaborar coa Rede Galega contra a Trata, que integra as entidades que traballan neste campo e que inclúe accións de asistencia e protección ás vítimas; de educación e formación; de inserción laboral; de sensibilización, prevención e investigación; e de coordinación e cooperación.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 32 G.P. dos Socialistas de Galicia)

4.ª  Resolución
«O Parlamento amosa o seu rexeitamento aos discursos de odio e insta todas as forzas políticas para que rexeiten calquera declaración que atente gravemente contra a dignidade humana, cuestionando os dereitos fundamentais das persoas LGTBI.
Así mesmo, a seguir desenvolvendo a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI, en colaboración co Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, no relativo á posta en marcha de campañas de sensibilización, información e formación, nos distintos sectores sociais, sobre a realidade das persoas LGTBI.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia  e o G.P. dos Socialistas de Galicia e verbo da proposta de resolución núm. 15 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

5.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que impulse a dixitalización e a innovación da cultura galega, a que apoie as industrias culturais e os creadores con liñas de apoio específicas, a que reforce a función social da cultura e a que promova novos formatos e propostas empregando todas as ferramentas dispoñibles. Ademais, impulsará a Cidade da Cultura como factoría de contidos culturais con difusión dentro e fóra de Galicia e o Hub Audiovisual, chamado a ser un polo xerador de sinerxías profesionais e empresariais entre os sectores culturais, con especial atención á captación de rodaxes e á produción de videoxogos.»
Aprobada por 55 votos a favor e 19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 20 do G.P. Popular de Galicia)

6.ª  Resolución
«Co gallo do 40º aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, o Parlamento de Galicia recoñece os logros acadados nestas décadas, que permitiron alcanzar as maiores cotas de autogoberno e o maior desenvolvemento social, económico e político da nosa historia común. Neste senso, o Parlamento de Galicia ratifica o seu compromiso cos valores democráticos contidos no Estatuto de Autonomía e na Constitución, así como co espírito de concordia que fixo posible a Transición.
Igualmente, esta Cámara renova a súa vontade de seguir afondando no desenvolvemento do autogoberno que nos corresponde como nacionalidade histórica, con lealdade á unidade de España, da que formamos parte. En consonancia con esta convicción, non compartimos as posicións independentistas nin consideramos que traian nada positivo para Galicia, nin tampouco a súa defensa da autodeterminación, xa que o futuro colectivo da Nación española corresponde a todos os españois.
Do mesmo xeito, condenamos o uso da violencia como vehículo para alcanzar calquera obxectivo político, así como todos aqueles pronunciamentos que desde os ámbitos institucionais, políticos ou sociais intenten lexitimala.»
Aprobada por 54 votos a favor e 19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia)

7.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que elabore, conforme os principios reitores do novo Plan Estratéxico de Galicia, o Plan de xuventude para os vindeiros anos, que supoña un marco para o desenvolvemento de políticas xuvenís, co fin de promover entre a xente nova unha vida saudable, emancipada e autónoma, incluíndo medidas nos ámbitos de actuación recollidos na Lei de xuventude de Galicia.»
Aprobada por 55 votos a favor e 19 en contra e ningunha abstención
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 13 do G.P. dos Socialistas de Galicia )

8.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que apoie as universidades públicas galegas cun financiamento estable para o período 2022-2026 e a que propicie a coordinación dun Sistema Universitario Galego (SUG) moderno e innovador, con titulacións diversificadas que cubran as necesidades de novos perfís profesionais, e a que desenvolva unha investigación universitaria orientada a áreas estratéxicas para Galicia.
Incrementarase a porcentaxe de financiamento estrutural fixada no Plan galego de financiamento universitario, logo dunha revisión pormenorizada dos criterios de cálculo, que permita ás universidades públicas galegas manteren un financiamento estable que asegure as súas estruturas e que non estean tan condicionados a resultados ou obxectivos.
Así mesmo, incrementar o orzamento do capítulo dedicado á investigación universitaria en todos os seus programas, fortalecendo e/ou mellorando os existentes e lanzando novas iniciativas que aseguren o mantemento de estruturas e do capital humano investigador.»
Aprobada por 55 votos a favor,  ningún en contra e 19 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo das propostas de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia e núm. 30 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

9.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que desenvolva un plan de reactivación do pequeno e mediano comercio que supere o realizado ata este momento, dotado de maior orzamento, que inclúa un plan de reapertura dos pequenos negocios que tiveron que pechar por mor da pandemia para poder reactivar o pequeno e mediano comercio.
Así mesmo, debe impulsarse un plan de adaptación dixital para o pequeno comercio, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e manter o seu emprego.»
Aprobada por 55 votos a favor,  ningún en contra e 19 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia  verbo das proposta de resolución núm. 26 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

10.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que desenvolva un novo modelo de atención e coidados aos nosos maiores que inclúa ampliar a rede de centros residenciais para crear preto de 2.000 novas prazas residenciais públicas no que queda de lexislatura e reforzar os equipos de inspección dependentes da Consellería de Política Social para incrementar a supervisión destes centros de maiores, así como atrasar o máximo posible o proceso de institucionalización dos nosos maiores, mellorando o coidado domiciliario e coordinando mellor os recursos dispoñibles.»
Aprobada por 56 votos a favor,  ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia  e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo das proposta de resolución núm. 36 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

11.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a implantar un plan de dinamización do noso medio rural, que inclúa a posta en marcha da Lei de recuperación de terras para levar a cabo un aumento da base territorial das nosas explotacións; o establecemento de medidas para o control do cumprimento da Lei da cadea alimentaria e de axudas e incentivos para evitar que as explotacións do sector primario produzan por debaixo dos custes de produción; o impulso dun novo modelo forestal que garanta unha verdadeira política forestal sostible diversificando as especies, ciclos e do noso monte; o deseño dun mapa de servizos no rural para garantir o acceso aos servizos públicos básicos.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

12.ª  Resolución
«O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a impulsar, en colaboración coas asociacións de mulleres do rural, a elaboración en 2022 do Estatuto da Muller Rural Galega e dun Plan Estratéxico para a Muller Rural de Galicia que contribúan á promoción integral das mulleres, á súa plena participación social e á igualdade de oportunidades real. Este plan, que debera partir dun estudo rigoroso da situación socioeconómica das mulleres do rural galego, deberá contemplar, ao menos, accións dirixidas a promover o acceso das mulleres á formación e ao emprego, así como o desenvolvemento da súa actividade emprendedora no medio rural.»
Aprobada pola unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

13.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que reclame ao Goberno central que os orzamentos xerais do Estado de 2022 manteñan e adapten o Fondo Covid para que as comunidades autónomas sigamos dispoñendo dos recursos extraordinarios precisos para financiar os gastos derivados da pandemia aínda non finalizada, así como os investimentos necesarios para aplicar as leccións extraídas da súa xestión».
Aprobada por 61 votos a favor, 13 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia).

14.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio ao Xacobeo 2021-2022, como evento sen precedentes que suporá o inicio dunha década xacobea de grande transcendencia para a recuperación económica e emocional da Galicia postcovid-19, e insta a Xunta de Galicia a que siga promovendo a súa excelencia, mantendo unha atención constante á seguridade dos peregrinos, á sinalización das rutas, á creación de zonas de repouso, á dixitalización e eficiencia enerxética dos establecementos hostaleiros, á súa promoción nacional e internacional e á optimización da experiencia do peregrino mediante actuacións de mellora da accesibilidade e facendo o Camiño máis amigable para as familias e para os ciclistas. Co obxectivo de acadar de maneira íntegra estas metas, ademais de actuar no ámbito das súas competencias, a Xunta de Galicia solicitará do Goberno central unha maior implicación tanto a nivel orzamentario como de planificación arredor do evento, incidindo na elaboración dun plan de mellora do Camiño que complete as actuacións autonómicas, na eliminación de puntos negros da ruta que se sitúan na rede de estradas do Estado, na imprescindible dotación do 100 % dos seus efectivos á Unidade de Policía Adscrita á comunidade autónoma, na creación dun punto de atención da Policía Nacional para peregrinos no Monte do Gozo, na programación conxunta comprometida no Real Padroado da Cidade de Santiago, na consideración especial a Galicia como destino do Camiño na distribución dos fondos de sustentabilidade do Plan Nacional Xacobeo, na garantía ao peregrino dun nivel equiparable de servizos de acceso a Internet ao longo de todo o percorrido, na realización dun maior esforzo na promoción internacional do Xacobeo e na ampliación das desgravacións fiscais relativas ao evento ata o 31 de decembro de 2023.»
Aprobada por 42 votos a favor, 13 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia).

15.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, no marco da próxima reunión da Comisión Bilateral de Cooperación, demande ao Goberno central a axilización da transferencia de competencias prioritarias para Galicia, de conformidade coas previsións contidas na Constitución e no Estatuto, en particular, a transferencia da titularidade da AP-9, da xestión do dominio marítimo público-terrestre e da xestión do ingreso mínimo vital.»
Aprobada por 42 votos a favor, 13 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia).

16.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España medidas urxentes para rebaixar o prezo da factura eléctrica, cuxa escalada nos últimos meses afectou tanto as familias galegas como todo o noso tecido empresarial. Con este obxectivo, suxire a adopción das seguintes medidas: facer permanente a rebaixa do IVE da electricidade do 21 % ao 10 %; suprimir definitivamente o tipo de gravame do imposto sobre o valor da produción de enerxía eléctrica do 7 %; modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, para que, entre outros aspectos, determinados custos regulatorios que se trasladan á factura eléctrica (débeda do sistema eléctrico e custos extrapeninsulares) sexan financiados integramente con cargo aos orzamentos xerais do Estado; ampliar o dereito de poder acollerse ao prezo voluntario do pequeno consumidor (PVPC) ata potencias que sexan iguais ou inferiores a 15 kW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao bono social eléctrico; desvincular a tarifa regulada da volatilidade do mercado grosista da electricidade, tal e como se está aplicando noutros países europeos; impulsar o descenso da factura eléctrica a través da revisión dos tramos horarios; conceder máis peso específico ao termo de enerxía que ao de potencia co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo eléctrico; simplificar a factura eléctrica para facilitar a súa comprensión, e posta en marcha de inmediato dunha campaña de información ás persoas consumidoras que explique de forma sinxela e comprensible a nova tarifa eléctrica, facilite a toma de decisión e permita un consumo máis eficiente; e, por ultimo, diversificar o parque de xeración eléctrica para evitar a elevada dependencia do gas natural, introducindo, entre outras medidas, o almacenamento enerxético para a xestión de fontes renovables.»
Aprobada por 61 votos a favor, ningún en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia).

17.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que reclame ao Goberno central a eliminación das taxas de reposición na convocatoria de ofertas de emprego público para favorecer a estabilidade do emprego público.»
Aprobada por 61 votos a favor, ningún en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia).

18.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que tome as medidas necesarias para garantir o máximo compromiso de todas as administracións coa Lei de dependencia, consensuando coas entidades locais unha reforma do Servizo de Axuda no Fogar que siga mellorando o seu alcance, calidade e condicións laborais e blinde a súa sustentabilidade, e reclamando ao Goberno central que incremente a súa participación nos fondos destinados ás persoas dependentes ata chegar aproximadamente ao 50 %».
Aprobada por 61 votos a favor, ningún en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 31, do G.P. Popular de Galicia).

19.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno central o establecemento dun sistema de cogobernanza real dos fondos europeos que garanta a participación efectiva das comunidades autónomas na xestión dos recursos que reciba das institucións comunitarias, tal e como exixe a Unión Europea.
Neste contexto, debe completar e concretar canto antes a repartición destes fondos en conformidade con criterios transparentes e equitativos que impulsen a cohesión social e territorial, así como axilizar a súa tramitación, recollendo no sistema de información do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia todas as actuacións que se van levar a cabo na comunidade galega tanto por parte da Administración xeral do Estado como por parte das corporacións locais.
Tamén debe integrar as comunidades autónomas na definición e nas decisións que se tomen sobre os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (PERTE), moi especialmente naqueles relativos aos sectores de automoción, cadea agroalimentaria, medicina personalizada, aeroespacial e naval, nos que Galicia ten unha posición de liderado.
Así pois, debe reconsiderar a súa posición sobre o proxecto AutoAncora promovido por Stellantis, Ceaga e Ctag para seguir sendo competitiva e un referente en innovación, que debe formar parte da repartición final que realice o Goberno de España dos fondos europeos e, polo tanto, ser un elemento diferencial no PERTE de vehículo eléctrico e conectado.»
Aprobada por 42 votos a favor, ningún en contra e 32 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 4, do G.P. Popular de Galicia).

20.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande ao Goberno Central que impulse unha transición ecolóxica e enerxética realmente xusta e ordenada, facilitando unha adaptación progresiva da industria ás tendencias que marcarán a devandita transformación, velando polo mantemento do emprego e garantindo un futuro para a cidadanía dos territorios máis afectados polo cambio de modelo produtivo, como é o caso de Alu Ibérica na Coruña, Ence en Pontevedra ou Endesa nas Pontes.
Neste sentido, cómpre impulsar as alternativas necesarias para garantir un prezo eléctrico competitivo e estable para a industria, especialmente para a industria electrointensiva; así como levar a cabo a intervención temporal por parte da SEPI da planta de Alcoa en San Cibrao co fin de facilitar a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable.»
Aprobada por 42 votos a favor, ningún en contra e 32 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 6, do G.P. Popular de Galicia).

21.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que apoie as explotacións adheridas á marca Leite de pastoreo de Galicia mediante o financiamento de sistemas homologados de certificación do pastoreo, co fin de orientar a transformación do sector ao pastoreo e de dar máis viabilidade económica ao agro galego, así como a que aplique as accións da Estratexia do sector lácteo, buscando dar resposta ás necesidades dos gandeiros e industrias e fixar obxectivos e retos de futuro, afondando na transparencia e no bo funcionamento da cadea de valor do leite e reforzando un sector tan importante do agro galego pola vía do recoñecemento das súas peculiaridades na PAC 2023-2027 que se está a negociar actualmente».
Aprobada por 42 votos a favor, ningún en contra e 32 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 32, do G.P. Popular de Galicia).

22.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que, como complemento ao novo impulso das políticas de fomento do retorno que se implementarán na nova Estratexia para o ano 2022, solicite ao Goberno de España que tome as medidas necesarias para favorecer a integración persoal e familiar das persoas retornadas e leve a cabo o desenvolvemento e a modificación da normativa estatal que afecta o proceso de retorno, o que permitirá garantir este dereito aos españois no exterior e aos seus descendentes, enriquecendo a nosa sociedade e facéndoa máis aberta, plural e competitiva, e adoptando, en particular, as seguintes accións: introducir plans estatais específicos de acceso á vivenda; axilizar o procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior; reducir os trámites e axilizar as concesións de permisos de residencia e traballo dos cónxuxes e descendentes sen nacionalidade; eliminar as desigualdades coas que a lexislación fiscal estatal grava os emigrantes e os retornados; mellorar a información e os criterios de aplicación da AEAT; así como dotar do financiamento axeitado as comunidades autónomas para que poidan mellorar as medidas que teñan en marcha e que complementan o escaso labor do Goberno de España».
Aprobada por 42 votos a favor, ningún en contra e 32 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 38, do G.P. Popular de Galicia).

23.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que adopte as medidas necesarias para impulsar a carreira investigadora co obxectivo de que todas as persoas investigadoras do ámbito público en Galicia dispoñan dun marco común que lles garanta maior profesionalización e maior estabilidade.»
Aprobada por unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).

24.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España que impulse a aprobación duns orzamentos xerais do Estado para 2022 que teñan en conta as necesidades históricas da nosa comunidade autónoma en materia de infraestruturas. Deben dotarse as partidas necesarias para desbloquear o avance das autovías estatais de vertebración de Galicia e estender as bonificacións da AP-9 á autoestrada estatal de conexión Santiago de Compostela-Ourense, a AP-53.»
Aprobada por unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).

25.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que deseñe e articule a Axenda Galega de Capacidades e Necesidades Laborais coa colaboración de todos os axentes sociais, unha proposta detallada das cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro, xunto coa elaboración dos módulos formativos necesarios, co obxectivo de mellorar a capacitación dos traballadores ocupados e a empregabilidade das persoas desempregadas, ofrecendo así mesmo modalidades formativas accesibles e flexibles para toda a poboación.»
Aprobada por unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia).

26.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, no eido da política social e con respecto ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a que adopte as seguintes medidas:
— Asegurar a accesibilidade e garantir os recursos necesarios destinados á denuncia e atención ás mulleres con discapacidade en situación de violencia de xénero, tendo en conta que o Parlamento Europeo indica que o 80 % das mulleres con discapacidade vive nunha situación de violencia e que estas teñen un risco catro veces maior que o resto de mulleres de sufrir violencia sexual.
— Mellorar as medidas de detección e control por parte dos servizos sociais e sanitarios, tendo en conta a maior vulnerabilidade das mulleres con discapacidade á hora de identificar e afrontar diferentes situacións de violencia, ao tempo que se asegure a asistencia axeitada para cada caso e o acompañamento permanente á muller con discapacidade durante todo o proceso subseguinte á interposición dunha denuncia por violencia de xénero.»
Aprobada por unanimidade dos 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).

27.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, no eido da promoción da igualdade entre mulleres e homes, a que adopte as seguintes medidas: promover melloras significativas en materia de igualdade laboral co fin de garantir condicións laborais máis flexibles e compatibles coa vida persoal e de acadar ao mesmo tempo maiores índices de benestar laboral e social, nomeadamente mediante actividades formativas e campañas de sensibilización efectivas e accesibles a toda a poboación, nas que se aborden temas como a elaboración e a aplicación de plans de igualdade nas empresas, a identificación e o protocolo de actuación ante casos de acoso laboral ou a promoción da conciliación e a corresponsabilidade nas tarefas do fogar e no coidado de menores e/ou familiares con algún grao de dependencia ao cargo.»
Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).

28.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que amplíe as actuacións de mellora das infraestruturas sanitarias, avanzando en todos os proxectos de reforma hospitalaria, incidindo de xeito particular en reforzar a capacidade dos sete hospitais comarcais galegos e abordando, ao longo do vindeiro ano, actuacións de mellora en todos eles, así como presentando antes de rematar o ano un plan de infraestruturas sanitarias de Atención Primaria que priorice as actuacións máis necesarias para permitir unha renovación e mellora das infraestruturas deste nivel asistencial, así como unha adaptación dos espazos ás necesidades reais dos centros».

Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia).

29.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que siga avanzando nas medidas de conciliación e apoio ás familias, no marco da Lei de impulso demográfico, e a reclamar do Goberno de España que contribúa ao financiamento da gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos en Galicia, que se porá en marcha a partir do vindeiro curso».
Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).

30.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que impulse a Estratexia Galicia Dixital 2030 e a que poña en marcha as actuacións para impulsar a capacitación dixital da cidadanía, establecendo mecanismos que faciliten a súa formación en competencias básicas, con especial fincapé na fenda de xénero, e a creación dun centro de ciberseguridade, e traballando en estreita colaboración coas entidades competentes no ámbito estatal e europeo e na construción dun Data Center de alta dispoñibilidade que reforce os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e custodia dos datos nun contexto de impulso definitivo á dixitalización do sector público. Tamén insta a Xunta a se dirixir ao Goberno de España para que concrete e priorice a execución das actuacións enmarcadas dentro do Programa Único, co fin da mellora da cobertura de redes de fibra óptica na nosa comunidade e co obxecto de acadar os novos obxectivos 2025 fixados por Europa, así como para que as medidas previstas na Estratexia de Impulso da Tecnoloxía 5G permitan incentivar o despregamento desta tecnoloxía no rural galego e naquelas infraestruturas, polos industriais e de coñecemento estratéxicos da comunidade  autónoma».
Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).

31.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, seguindo a liña emprendida en anteriores lexislaturas de redución da carga fiscal soportada polos galegos, que tivo como finalidade favorecer as rendas medias e baixas e apoiar sectores estratéxicos da economía de Galicia, inclúa unha nova rebaixa dos impostos no proxecto de orzamentos para 2022 que permita que Galicia siga entre as comunidades autónomas coa menor presión fiscal.»
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia).

32.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que siga impulsando, de xeito participativo con concellos e deputacións provinciais, un novo modelo para apoiar os municipios que voluntariamente o soliciten nas súas responsabilidades en relación co ciclo integral da auga, proporcionando medios técnicos e financeiros para unha xestión profesionalizada destes servizos, fomentando a igualdade de custos en todo o territorio e procurando a máxima eficiencia nos investimentos.»
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).

33.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que vele pola defensa da lingua galega ao amparo do marco legal e da convivencia lingüística. Ao tempo, seguirá a impulsar a dinamización do galego no tecido socioeconómico, na mocidade e nas familias, a desenvolver un modelo plurilingüe no ensino e a implicar os formadores para prestaren unha especial atención á situación da lingua nas contornas urbanas, e que reforce o uso do galego no audiovisual e, a través do proxecto Nós, aproveite a tecnoloxía lingüística e a intelixencia artificial para asegurar novos usos da lingua propia de Galicia nos espazos dixitais e na internet.»
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).

34.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que aplique as conclusións das comisións de traballo constituídas no marco do Consello Técnico de Atención Primaria, especialmente no relativo á autonomía dos centros, o liderado dos profesionais, a multidisciplinariedade, a redistribución de funcións e o traballo comunitario, particularmente iniciando a elaboración dun novo decreto de ordenación da Atención Primaria que reforce as funcións de organización do persoal que ocupa as xefaturas de servizo e os postos de coordinación e tomando as medidas para abordar o problema de déficit de especialistas coa presentación dun mínimo de 50 solicitudes de acreditación de novas unidades docentes da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria no prazo actualmente aberto polo Ministerio, ao tempo que reiterando ao Goberno de España a demanda da habilitación extraordinaria de máis prazas MIR, xa sexa dotando a convocatoria ordinaria de máis prazas ou cunha convocatoria extraordinaria».
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).

35.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que poña en marcha polígonos agroforestais para favorecer a implantación de novas iniciativas produtivas agrarias ou a ampliación da base territorial das xa existentes, a que implante plans de dinamización para as aldeas modelo, poñéndoos en marcha nos núcleos rurais destas e orientándoos a rexenerar e xerar actividade económica, así como a conservar o patrimonio do rural galego, e, así mesmo, a aplicar as medidas do Plan forestal de Galicia recentemente aprobado, para garantir a sustentabilidade do monte galego, favorecendo a multifuncionalidade e a diversificación de usos e asegurando así a xestión forestal activa das masas de frondosas autóctonas, así como a desenvolver medidas específicas de cara ao souto e á produción de castañas e a impulsar unha relación de accións para o fomento e a xestión das masas de coníferas e un control para o cumprimento da moratoria sobre novas plantacións de eucalipto».
Aprobada por 42 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).

36.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que presente as conclusións dos traballos de auditoría de delimitación de competencias entre a Administración autonómica e os concellos co fin de contribuír á mellora do sistema de financiamento local, tal e como se acordou na reunión da Comisión Galega de Cooperación Local do 19 de febreiro de 2021.»
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).

37.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que dea prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España, por ser unha iniciativa prioritaria, tanto desde o punto de vista económico e laboral como desde o punto de vista estratéxico, xa que permitiría pechar o ciclo de produción de madeira en Galicia, así como a que estude a posibilidade da súa localización na provincia de Lugo, a través da súa representación na sociedade Impulsa.»
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia).

38.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que asegure un ensino galego de calidade e integrador que propicie a aprendizaxe integral en centros educativos convertidos en espazos sustentables, seguros e creativos nos que estudantes e docentes poidan realizar unha actividade formativa moderna, dixital e innovadora a través de programas e iniciativas que reforcen a adquisición de competencias de coñecementos sobre STEAM e intelixencia artificial,  idiomas e atención á diversidade; ao tempo que se fomenta a convivencia e a igualdade nas aulas e se reforza o modelo da FP en Galicia fomentando a innovación tecnolóxica e pedagóxica destas ensinanzas, unha oferta de ciclos atractiva e a mellora da orientación dos perfís profesionais, co reto de que haxa unha maior relación entre os centros e as empresas que contribúa a unha axeitada inserción laboral.»
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).

39.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que avance na capacidade innovadora da sanidade pública galega creando unha unidade de referencia en protonterapia para Galicia e o norte de Portugal que permita desenvolver esta técnica de precisión que posibilita abordar tumores complexos, promovendo o uso do big data e da intelixencia artificial no eido sanitario para mellorar o tratamento dos pacientes e creando tamén unha infraestrutura para que toda a información sanitaria, axeitadamente anonimizada, poida ser accesible de xeito seguro por parte dos investigadores e dos profesionais de cara a traballar en rede e levar a cabo tratamentos individualizados ou cribados».
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 28 do G.P. Popular de Galicia).

40.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que deseñe e poña en marcha unha Estratexia galega para a economía azul, de xeito que cubra os sectores e industrias que están directamente apoiados no medio mariño ou costeiro, en liña coa decisión da Unión Europea e centrada na base das actividades marítimo-pesqueiras tradicionais, tendo como elemento clave a coordinación e compatibilidade con outras actividades e o equilibrio e a sustentabilidade en termos ambientais, sociais e económicos».
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia).

41.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que defina unha proposta e a que lidere a revisión e reforma da Política Común de Pesca, e sinala  que un deseño adecuado da nova PPC ten que ser unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica e que reforce a Unión. Esta proposta de reforma debe abordar, desde a cogobernanza co sector, os retos actuais para alcanzar unha pesca sustentable, equitativa e próspera para o futuro, e o seu maior reto debe ser garantir que o sector pesqueiro europeo poida traballar en igualdade de condicións, xa que é unha industria enormemente globalizada, e afianzar o carácter social desta actividade, acadando unha axeitada remuda xeneracional».
Aprobada por 55 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia).
 
42.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do resto das administracións públicas, nomeadamente do Goberno Central, a sinatura dun Pacto de Estado por Ferrol que dea unha resposta conxunta aos problemas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, protexendo o emprego e o tecido industrial a través da modernización e mellora competitiva dos sectores tradicionais, así como da diversificación cara a sectores con gran potencial de futuro. Do mesmo xeito, demanda do Goberno galego a creación da delegación territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, que contribúa a cumprir os compromisos da súa competencia recollidos no devandito Pacto de Estado. Neste sentido, resulta urxente que o Goberno central cree unha zona franca en Ferrol.»
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia).
 
43.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España que, no marco das súas competencias, poña en marcha un plan global para loitar contra a exclusión financeira da poboación, nomeadamente no ámbito rural, que reforce e complemente as medidas xa implantadas en Galicia en virtude do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Fegamp.»
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).

44.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, no proceso de revisión do sistema de financiamento autonómico, defenda a postura fixada polos acordos acadados neste Parlamento e que manifeste o seu rexeitamento explícito a calquera intento de substituír o diálogo multilateral entre o Goberno da España e o conxunto dos gobernos autonómicos por fórmulas de negociación bilateral. Así mesmo, a que demande ao Goberno central que este proceso se desenvolva con base nun calendario pechado e perseguindo, ademais da cohesión territorial e o respecto á autonomía fiscal das comunidades autónomas, dous obxectivos básicos:
— Asignar uns recursos suficientes ás comunidades autónomas de réxime xeral en función do volume de gasto efectivamente realizado respecto do gasto total das administracións públicas.
— Determinar as necesidades de financiamento con base nunha variable que reflicta os factores de custo peculiares de cada comunidade autónoma (en especial, a idade e o asentamento disperso da poboación), así como garantir un financiamento igual por habitante axustado en función dos anteriores factores con independencia de onde residan.»
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
 (Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia).

45.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que impulse e abra novos obxectivos na súa política de vivenda, comprometéndose a ampliar progresivamente o peso do parque de vivenda pública mediante a promoción de vivendas novas ou rehabilitadas, respectando sempre os estándares de eficiencia enerxética e de accesibilidade universal, e introducindo, ademais, novas técnicas construtivas como o cohousing e materiais sustentables, co obxecto de incrementar o parque de vivenda accesible actual a cinco anos vista. Así mesmo, para que continúe traballando para favorecer o acceso dos galegos e das galegas á vivenda, defendendo as características de Galicia e exixindo ao Goberno central que se dea audiencia ás comunidades na elaboración da futura lei de vivenda estatal, respectando o réxime competencial nesta materia, e que se aproveite a redacción do novo texto para introducir as medidas lexislativas necesarias para endurecer as penas por ocupación de vivenda e para axilizar a recuperación do inmoble por parte dos seus propietarios.»
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
 (Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).

46.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que traballe na posta en marcha, no menor prazo posible, da área de transporte de Galicia, que permita avanzar nun modelo único de mobilidade interurbana con tarifas igualitarias para os usuarios do transporte público de competencia autonómica, universalizando, como acaba de facer coa gratuidade para os menores de 21 anos de toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, tamén os descontos para as familias numerosas, de tal xeito que as rebaixas de entre o 20 % e o 50 % que se veñen aplicando nas áreas de transporte metropolitano se estendan a todas as liñas de transporte público da Xunta de Galicia. Así mesmo, para que se dirixa aos concellos co fin de os instar a aplicaren as mesmas medidas nos seus servizos de autobús urbano.»
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia).

47.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que dea os pasos precisos para a implantación progresiva do novo modelo de coidados nas residencias de maiores da comunidade, comezando polos centros públicos, e a que reclame do Goberno de España o cofinanciamento preciso para que estas melloras da atención cheguen coa maior axilidade a todos os centros».
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. Popular de Galicia).

48.ª  Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe colaborando co Goberno de España no proceso de exhumación de vítimas da Guerra Civil e represión franquista iniciado en Galicia no presente ano; a que demande á Administración xeral que realice as actuacións pertinentes para reclamar a propiedade dos bens con valor cultural vinculados ao sitio histórico que na actualidade permanecen en Meirás e cuxa propiedade non está sendo reclamada polo Estado; así como a que consensúe e coordine coa Administración xeral e coas distintas administracións locais as actuacións encamiñadas a procurar a recuperación, para o patrimonio público, dos bens con valor cultural vinculados ás torres de Meirás, da Casa Cornide, das Estatuas de Abrahan e Isaac incorporados irregularmente ao patrimonio do ditador Francisco Franco, continuando a senda de colaboración institucional que posibilitou a recuperación para o dominio público do pazo de Meirás, cuxa xestión debe cederse no prazo máis breve á Xunta de Galicia, como lexítima representante do autogoberno galego, en cumprimento do acordo adoptado polo Parlamento de Galicia».
Aprobada por 42 votos a favor, 19 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente
 
 

 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina