saltar ao contido

Santalices: “democracia e igualdade constitúen un binomio imbatible en materia de igualdade”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou esta mañá en Santiago o III Congreso de Mulleres no Sector Público

Santiago, 18 de novembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá en Santiago o III Congreso de Mulleres no Sector Público, onde subliñou que “democracia e igualdade constitúen un binomio imbatible en materia de igualdade”, na medida en que os grandes avances neste ámbito se teñen rexistrado desde a transición á democracia.
 
Recordou que o ordenamento xurídico pre constitucional condenaba á muller ao sometemento respecto ao home. “Cuestións ordinarias, hoxe tan banais como abrir unha conta bancaria, tramitar un pasaporte ou traballar fóra, requirían do permiso expreso do marido, no caso das mulleres casadas”, lembrou Santalices como exemplo dos avances rexistrados desde entón.
 
A primeira Lexislatura do Parlamento de Galicia contou con só tres mulleres deputadas, cifra que se reduciu a dúas na segunda Lexislatura e tería que pasar anos ata que en 2012, na VIII Lexislatura, se rexistrase a primeira maioría de mulleres no Hemiciclo. Arestora o número de deputadas supera tamén ao de deputados na Cámara galega.
 
Para Santalices, a sociedade avanza por un “camiño sen retorno cara a igualdade real no que é necesario seguir avanzando e que precisa da participación activa de todas e todos, desde a familia á empresa; desde a escola ás institucións”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina