saltar ao contido

O Parlamento anima aos escolares galegos a aproveitar as vacacións de Semana Santa para ultimar os traballos do Concurso Escolar convocado pola Cámara galega

 
O Parlamento anima aos escolares galegos a aproveitar as vacacións de Semana Santa para ultimar os traballos do Concurso Escolar convocado pola Cámara galega
 
• O prazo para a presentación de orixinais remata o vindeiro 29 de abril
 
• A actividade enmarcase no 30 aniversario da Cámara e os escolares poden participar con debuxos, redaccións e creacións con novas tecnoloxías
 
• Fíxanse premios para cada alumno gañador, o profesor responsable, os compañeiros da clase e o colexio para fomentar a corresponsabilidade e o traballo en equipo
 
• Pilar Rojo anima a escolares e profesores a participar no concurso e a interesarse polo funcionamento do Parlamento de Galicia

Santiago, 17 de abril de 2011.- O Parlamento de Galicia anima aos escolares galegos a aproveitar as vacacións de Semana Santa para ultimar os traballos a presentar ao Concurso Escolar convocado pola Cámara lexislativa galega, dado que o prazo para a presentación de orixinais permanece aberto ata o vindeiro 29 de abril.
 
Este concurso, no que poden participar todos os rapaces que cursan ensinazas obrigatorias na Comunidade Autónoma, xorde co obxectivo de impulsar o coñecemento dos valores democráticos e o funcionamento da Cámara lexislativa galega, que este ano celebra o seu 30 aniversario.
 
Con este esta actividade, o Parlamento de Galicia pretende facerse máis visible entre os escolares galegos e suscitar o interese dos máis novos polo funcionamento e o papel das institucións sobre as que se configura o sistema democrático.
Este concurso escolar compleméntase cun ciclo de charlas que xa se están a celebrar en diferentes institutos para alumnos de bacharelato e que corren a cargo de integrantes da Asociación de exparlamentarios do Parlamento de Galicia.
 
A titular do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, convida a todos os escolares galegos, e tamén aos seus profesores, a participar no concurso e anímaos  a interesarse polo funcionamento do Parlamento de Galicia.
 
Modalidades
 
O concurso escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades:
 
• Concurso de debuxo, dirixido ao alumnado de 1°, 2°, 3º  e 4° de primaria.
• Concurso de redacción, dirixido ao alumnado de 5.° e 6° de primaria e 1° e 2.° da ESO.
• Concurso de expresión libre, dirixido ao alumnado de 3° e 4.° da ESO. Esta modalidade está aberta a calquera tipo de expresión creativa, como redacción, debuxo e pintura, fotografía, vídeo ou calquera outro traballo realizado servíndose das posibilidades das novas tecnoloxías.
 
En cada unha das modalidades a concurso, o xurado tamén seleccionará cadanseu finalista.
 
Cada un dos gañadores recibirá como premio un ordenador e un lote de libros. Os finalistas serán obsequiados cun lote de libros e un equipo portátil de audio.
 
Corresponsabilidade e traballo en equipo
 
Para fomentar a corresponsabilidade e o traballo en equipo, o Parlamento de Galicia ten previsto galardoar tamén á clase de cada un dos gañadores cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
 
O centro escolar do gañador de cada modalidade recibirá un equipo completo de encerado dixital; mentres que o profesor  ou profesora de cada un dos gañadores terá un ordenador portátil.
 
Xurado institucional
 
O xurado encargado de seleccionar os gañadores de cada modalidade estará integrado polos integrantes da Mesa do Parlamento de Galicia ou polos deputados nos que deleguen cada un deles, así como por un docente designado pola Cámara.
 
As bases deste concurso foron enviadas aos diferentes centros educativos no pasado mes de marzo, pero tamén se poden consultar na web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es)
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina