saltar ao contido

Santalices anima á comunidade educativa a afondar no coñecemento do sistema democrático

 
• O titular do Lexislativo clausurou esta mañá no CEP de Ventín, en Ames, a primeira edición da  Semana do Parlamento na Escola, na que participaron 6.000 escolares de 5º e 6ª de primaria
 
• Programouse para suplir a ausencia de visitas escolares como consecuencia da covid-19 e fíxose coincidir nas datas previas á conmemoración do 40 aniversario do Parlamento e busca dar a coñecer a institución e divulgar os valores democráticos entre a rapazada

Santiago, 3 de decembro de 2021.- O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou este mediodía no CEP de Ventín (Biduído, Ames) a primeira edición da Semana do Parlamento na Escola, que se veu celebrando desde o pasado luns coa participación de arredor de 6.000 escolares  de 5º e 6º de Primaria de medio cento de centros educativos de toda a Comunidade Autónoma.
 
Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer a institución e a actividade parlamentaria entre o estudantado galego, divulgar o contexto histórico no que botou a andar a autonomía galega, espertar a curiosidade dos máis novos pola vida parlamentaria e convidar aos participantes a reflexionar sobre a importancia  da palabra e o diálogo como bases da convivencia, da solidariedade e dos valores democráticos.
 
Coñecer como funciona a democracia
 
O presidente do Parlamento agradeceu a implicación do profesorado que fixo posible o desenvolvemento das propostas contempladas neste proxecto. Tamén animou ao conxunto da comunidade educativa a coñecer e utilizar as diferentes ferramentas didácticas que o Parlamento de Galicia pon ao seu dispor –boa parte delas dispoñibles na web- para divulgar as características e o funcionamento do poder lexislativo e da propia democracia, contribuíndo deste xeito á formación de persoas con criterio propio.
 
En opinión de Santalices Vieira, iniciativas como a Semana do Parlamento de Galicia resultan imprescindibles neste momento ante a crise de confianza que atravesan as institucións e amosouse convencido da súa utilidade para superar os tópicos que con frecuencia se asocian á actividade parlamentaria. Tamén poden contribuír a impulsar a utilización das diferentes ferramentas de participación cidadá, desde as iniciativas lexislativas populares ata as preguntas ao goberno.
 
Animar a visitar o Parlamento
 
É de agardar que a realización destas actividades esperte, ademais, o interese dos escolares por participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia, impulsado coa colaboración da Xunta de Galicia. Se ben esta esta iniciativa foi pausada durante a pandemia, na época pre-covid arredor de 10.000 estudantes visitaron o Parlamento durante o primeiro semestre de 2018 no marco do programa “Coñece as túas institucións”.
 
Esta iniciativa, impulsada conxuntamente pola Xunta e o Parlamento está dirixida a alumnado de centros públicos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO e nos seus dous primeiros anos de vida (2016-2018) conseguiu duplicar o número de visitas escolares á sede do Lexislativo galego.
 
Esta primeira edición da Semana do Parlamento na Escola foi deseñada para suplir o parón das visitas escolares como consecuencia da covid-19 e fíxose coincidir nas datas previas á conmemoración do 40 aniversario do Parlamento de Galicia, constituído o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.
 
Para facilitar a participación nesta iniciativa, cada un dos 51 CEIP seleccionados recibiron material impreso elaborado especificamente con esta finalidade: un libro-base titulado Unha aventura exemplar, obra do escritor Xosé A. Perozo, con ilustracións de Evaristo Pereira, para ser lido polos participantes nesta campaña; unha Guía do Profesorado, con orientacións e propostas que os mestres e mestras poderán escoller para traballar na aula; así como un cartel co que dar visibilidade á iniciativa.
 
As diferentes actividades propostas no marco da Semana do Parlamento na Escola foron concibidas para poder ser desenvolvidas sen dificultar o curso normal do programa escolar, ao poder realizarse de maneira transversal e sen circunscribirse a unha área de coñecemento concreta.
 
 
 
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina