saltar ao contido

Santalices reinvindica un mellor coñecemento da historia e gaba aos pais da autonomía galega por “antepoñer o interese xeral ás apetencias persoais”


 
• O presidente do Parlamento participou na presentación do libro "A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide" coeditado pola Cámara e o Consello da Cultura para recordar o 500 aniversario da xuntanza de nobres e prelados en defensa dos intereses do Reino de Galicia

Santiago, 4 de decembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, participou este sábado na presentación do libro "A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide", coeditado pola Cámara e polo Consello da Cultura Galega para recordar e contextualizar desde o punto de vista histórico a reunión que o 4 de decembro de 1520 congregou nesa vila coruñesa  a nobres e prelados autoerixidos en representantes do Reino de Galicia ante o desaire do que foran obxecto por parte da Coroa.
 
En marzo de 1520  reuníranse as Cortes en Santiago sen que ningunha cidade galega fose autorizada a participar, seguindo representadas naquela altura por Zamora. O libro presentado hoxe xurde dunha xornada celebrada hai xusto un ano en Melide para conmemorar o 500 aniversario desa xuntanza histórica, ata entón completamente esquecida.
Na súa intervención, o presidente do Parlamento subliñou que a Xunta de Melide constitúe un acontecemento histórico relevante, se ben puntualizou que “nada máis lonxe da miña intención que xulgar aqueles feitos cunha ollada
contemporánea”, porque sería un erro.
 
Apuntou que para o Parlamento de Galicia “é unha honra, e tamén unha obriga” participar na coedición deste volume que, polas súas características, dificilmente podería ser acometido pola iniciativa privada. 
 
Para Santalices, os poderes públicos “deben facerse presentes e encher ocos que os proxectos particulares non poden fornecer”, como acontece coa edición da obra presentada hoxe, e como acredita a programación cultural do Parlamento de Galicia, “ao servizo das nosas letras, da nosa historia e da nosa arte”.
 
Recordou que o Parlamento de Galicia cumprirá 40 anos o vindeiro 19 de decembro, “catro décadas nas que, practicamente desde a nada, Galicia foi quen ade articular as súas propias institucións de autogoberno  cun notable éxito en todos os ámbitos. Abonda comparar o que era a Galicia de outrora e o que é hoxe”.
 
Referiuse á evolución rexistrada polo Camiño de Santiago, que discorre por Melide, hoxe “convertido nunha auténtica arteria europea, con prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras e cada día percorrido por un maior volume de persoas”. O crecemento exponencial do fenómeno xacobeo exemplifica os resultado do autogoberno galego, “exercido con responsabilidade e consentidiño”.
 
Consolidar a democracia e a autonomía
 
Santalices insistiu en que as orixes da autonomía galega, como tantos outros acontecementos históricos, “son moi pouco coñecidas pola xente, malia que manteñamos unha débeda de gratitude con toda aquela xente  que foi quen de antepoñer o interese xeral ás apetencias persoais para consolidar a democracia e autonomía”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina