saltar ao contido

Declaración institucional sobre a sede permanente do Instituto Español de Oceanografía

Diante da decisión adoptada polo Goberno español que deixa Galicia sen a demandada sede das áreas de investigación do IEO en Vigo e A Coruña, o Parlamento de Galicia súmase á voz unánime de todo o sector do mar e do conxunto da sociedade galega para reclamar das autoridades estatais unha rectificación e que Galicia albergue as sedes de pesqueiras e acuicultura polo importante labor científico que os Centros Oceanográficos de Vigo e A Coruña levan desenvolvendo ao longo dos anos.
 
Os centros do IEO radicados en Galicia están entre os de maior tamaño de todos os do Estado, neles traballan máis dun cento de persoas que desenvolven un gran esforzo investigador no ámbito pesqueiro e acuícola, convertendo estes centros nos que teñen unha maior traxectoria neste campo.
 
O Centro Oceanográfico de Vigo, en sinerxía co da Coruña e cos centros oceanográficos de Portugal e doutros Estados e entidades internacionais, traballan man a man co sector pesqueiro e acuícola galego garantindo unha pesca sustentable e situando o sector do mar como un sector estratéxico para a economía e o emprego en Galicia.
 
Vigo é un importante polo de investigación da pesca do que forman parte o propio IEO en Vigo, xunto co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Bouzas, co futuro Campus do Mar e toda a investigación que se desenvolve nas distintas universidades e outras administracións galegas. Cuestión semellante acontece co centro radicado na Coruña, facendo que esta comunidade e os seus centros do IEO sexan idóneos para acoller a sede permanente de pesqueiras e/ou acuicultura do Instituto Español de Oceanografía.
 
Esta cuestión afectaría, seguro, de forma positiva ao cumprimento da demanda da intensificación da relación co sector marítimo-pesqueiro e da coordinación cos labores que neste campo se levan a cabo desde o eido autonómico, afondando así na influencia que se pode facer sobre entidades de investigación e asesoramento científico para o marco decisorio europeo e internacional.
 
En todo caso, a capacidade de traballo e achega positiva do labor do IEO depende en boa maneira do seu sustento económico e organizativo, cuestión clave que levan demandando tanto o persoal coma o Goberno e o Parlamento de Galicia. Xa que logo, e con carácter paralelo á cuestión da radicación das sedes das áreas de investigación ou da propia sede da institución oceanográfica, faise necesario o desenvolvemento dunha planificación de recuperación estrutural do Instituto, cuestión sen a cal o seu labor carecería de futuro.
 
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina