saltar ao contido

Santalices: “É obvio que a investigación necesita recursos, pero tamén un maior recoñecemento social”

• O presidente do Parlamento de Galicia participou en Santiago no acto de entrega do X Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal e o III Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica
 
Santiago, 19 de maio de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde no acto de entrega do X Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal ao Dr. Carlos Cordón-Cardó, profesor de Patoloxía no Mount Sinai Healt System de Nova York; e o III Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica ao Dr. José Tubío, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da Universidade de Santiago.

Santalices gabou a actitude do impulsor destes premios, Ramiro Carregal, “empresario de éxito, pero tamén, e sobre todo, unha persoa profundamente comprometida con Galicia coa súa xente e coa súa ciencia”.

A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia  “é obvio que a investigación necesita recursos, como tamén é obvio o esforzo que se está a facer nos últimos anos neste ámbito, malia as dificultades que todos coñecemos”.

“Pero canda os recursos –agregou-, tamén é preciso un maior recoñecemento social para as persoas que se dedican á ciencia, razón pola que cómpren máis iniciativas como estes premio; iniciativas xurdidas da sociedade civil, espontaneamente”.
 
Na súa intervención, Santalices recordou que se acaba de celebrar o 40 aniversario da autonomía de Galicia, o que o levou a reflexionar sobre o avance rexistrado en materia sanitaria na Comunidade, onde “menciñeiros e compoñedores” pasaron á historia.
 
“A autonomía –afirmou Santalices- permitiunos xestionar sobre o terreo, con coñecemento da realidade, en vez de tomar as decisións a centos de quilómetros; os recursos públicos son xestionados con sentidiño”, ao tempo que se aplican “avances científicos como os xurdidos en laboratorios como os dos doutores Cordón-Cardó e Tubío”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina