A elección da temática “Intelixencia artificial e Dereito” foi, a ollos do presidente da Cámara, un grande acerto, “polas practicamente infinitas implicacións da intelixencia artificial nos nosos días e tamén polas súas repercusións xurídicas”.
Así, Santalices Vieira, parafraseando ao historiador e escritor israelita Yuval Noah Harari, recordou que, “os humanos son creadores activos e a tecnoloxía pode usarse para empoderalos”. Afirmou que este constitúe “un dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade actual” e que “só os superaremos con éxito desde un enfoque plural no que todas as partes implicadas remen na mesma dirección e cun obxectivo compartido”.
“Que os humanos non sexan vistos como consumidores pasivos que deben ser controlados senón como creadores que deben de ser empoderados” é, para Santalices Vieira, un “obxectivo compartido por cantos integramos o Parlamento de Galicia”.
O presidente do Parlamento de Galicia anunciou, asemade, que a Cámara galega está a traballar na mellora do portal xurídico galego lex.gal e a colaborar co proxecto Nós de intelixencia artificial “ao servizo da lingua galega”. Concluíu así que “a tecnoloxía ao servizo das persoas é un reto pero tamén unha oportunidade que a todos concirne”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.