saltar ao contido

O Parlamento de Galicia comparte a súa experiencia no Foro Interparlamentario de discapacidade e accesibilidade celebrado este sábado en Toledo

 
• A Cámara galega estivo representada pola presidenta da Comisión de Discapacidade, Carmen Pomar
 
Santiago, 11 de xuño de 2022.- A presidenta da Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade do Parlamento de Galicia, Carmen Pomar, representou hoxe á Cámara galega no Foro Interparlamentario de discapacidade e accesibilidade celebrado na sede das Cortes de Castela-A Mancha, en Toledo.
 
Carmen Pomar compartiu cos representantes dos restantes lexislativos autonómicos a experiencia da Cámara galega en materia de discapacidade, tanto no referido aos traballos que se veñen desenvolvendo na comisión non permanente especifica, como ás diferentes medidas concretas impulsadas desde a Presidencia da Cámara.
 
Medidas concretas
 
Subliñou a especial sensibilidade do Parlamento de Galicia respecto á discapacidade, o que se traduce na incorporación de persoal cos discapacidade -tamén das bolsas de formación que se convocan anualmente- ou na sinatura de acordos de cooperación con diferentes entidades que traballan neste ámbito.
 
Recordou que o plan director do edificio que alberga o Parlamento de Galicia presta unha especial atención á supresión de barreiras arquitectónicas, que xa se traduciu na incorporación de medidas para facilitar a accesibilidade ao salón de plenos, a tribuna de público e as salas de comisión.
Na actualidade, estase a tramitar o proxecto de mellora dos accesos externos ao edificio, que contemplan a supresión de barreiras arquitectónicas e a separación dio fluxo rodado do peonil.
 
Entre as medidas xa implantadas no Parlamento de Galicia, a presidenta da Comisión de Discapacidade referiuse tamén á mellora da accesibilidade da páxina web, a emisión dos plenos da Cámara con interpretación de lingua de signos, a instalación de pictogramas no Pazo do Hórreo para facilitar a accesibilidade cognitiva  das persoas con trastorno do espectro autista ou a recente posta en marca dun sistema de bucle magnético para mellorar a audición das persoas xordas.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina