saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia en favor dunha intelixencia artificial ética e centrada no ser humano en Galicia

As tecnoloxías intelixentes son un conxunto de tecnoloxías de rápida evolución que poden xerar un amplo abano de beneficios económicos e sociais en todos os sectores e actividades sociais, mediante a mellora da predición, a optimización de operacións e da asignación de recursos e a personalización da prestación de servizos. Dentro destas, a intelixencia artificial pode facilitar a consecución de resultados positivos desde un punto de vista social e ambiental, así como proporcionar vantaxes competitivas esenciais ás empresas e á economía, especialmente en sectores de alto impacto como o cambio climático, o medio ambiente e a saúde, o sector público, as finanzas, a mobilidade e a agricultura.

Estas novas posibilidades poñen de manifesto cuestións éticas non resoltas ata ao momento, especialmente no relativo ao establecemento de marcos éticos e normativos que garantan a fiabilidade, a seguridade e os dereitos fundamentais da cidadanía.
 
A Unión Europea está a liderar a formulación da normativa de uso da intelixencia artificial baseada na ética, nos valores fundamentais dos dereitos humanos e nos principios democráticos. Neste sentido, o Parlamento de Galicia comparte estes obxectivos coa Unión Europea, pola vía do apoio á Resolución do Parlamento Europeo do 3 de maio de 2022 e avoga polo avance do desenvolvemento dunha intelixencia artificial centrada na cidadanía, que cumpra cos criterios de autonomía, fiabilidade e seguridade.

A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial establece a folla de ruta para acadar unha Galicia Intelixente na próxima década que contribúa á soberanía dixital europea baixo principios éticos e responsables. Para iso, o nodo GalicIA confórmase como unha estrutura de cooperación para o impulso das tecnoloxías que habilitan a intelixencia artificial en Galicia.  Neste sentido, o Parlamento de Galicia comparte estas aspiracións de desenvolvemento dunha intelixencia artificial na nosa comunidade que a sitúe á vangarda de Europa.

O Parlamento de Galicia comparte coa Unión Europea unha postura que garanta e promova o desenvolvemento dunha intelixencia artificial centrada no ser humano e coherente cos dereitos fundamentais. Nesta clara posición e a través da presente declaración institucional, convida as administracións públicas, as universidades e o resto de axentes  do coñecemento, os sectores produtivos, os axentes sociais e a sociedade de Galicia, a participar dun xeito activo e facer achegas para o debate sobre o marco ético e normativo no que se debe aplicar a intelixencia artificial.
 
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina