saltar ao contido

Elena Candia, na clausura de Parlamento Xove: “a democracia e os dereitos humanos están e deben estar sempre por riba de todo, malia que haxa persoas que queiran pisalas”

• A vicepresidenta do Parlamento de Galicia participou este mediodía na clausura do certame Parlamento Xove 2022, que na fase final convidou aos participantes a debater sobre a seguinte pregunta: Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países na defensa dos dereitos humanos?
 
• Reivindica o “escenario de paz, de prosperidade e democracia que construímos entre todos os españois despois do ano 78 coa vixente Constitución”
 
Santiago, 18 de xuño de 2022.- A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, clausurou este mediodía, canda a conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta, Fabiola García, a décimo terceira edición do certame Parlamento Xove, no que estudantes de ESO, Bacharelato e universitarios debateron, na súa fase final, sobre o seguinte tema: Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países na defensa dos dereitos humanos?.
 
Na súa intervención, Elena Candia felicitou ao alumnado participante polo seu talento e animounos a aproveitar esta etapa vital “para acadar unha formación sólida en coñecementos, pero tamén en habilidades”, como a oratoria.
Referíndose ás novas “sempre preocupantes” que chegan de Ucraína, a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia apuntou que “existe unha coincidencia xeral en que unha das claves da resistencia de Ucraína fronte aos invasores rusos reside no forte liderado que desde o primeiro momento ven exercendo o presidente Zelenski”, do que destacou o seu “dominio da oratoria”.
 
Agregou que “Zelenski conta co respaldo da razón e os nobres principios que inspiran o seu comportamento: a defensa da democracia e da integridade territorial de Ucraína; a defensa, en suma, de valores universais que todas as persoas de ben compartimos”.
A xuízo de Elena Candia, “a democracia e os dereitos humanos están e deben estar sempre por riba de todo, malia que no século XXI siga habendo persoas que queiran pisalas unha e outra vez”.
 
Reivindicación da Constitución do 78
 
A vicepresidenta do Parlamento de Galicia aproveitou a súa intervención para poñer en valor “o escenario de paz, de prosperidade e democracia que construímos entre todos os españois despois do ano 78 coa vixente Constitución”.
Desde a súa posta en marcha, en 2010, no programa Parlamento Xove, organizado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia,  teñen debatido un total de 429 equipos de centros escolares galegos de ESO ou Bacharelato e 22 de universidades, nos que participaron 2.209 persoas (1.780 mozos/as), aos que se suman os 58 equipos e 271 participantes (223 mozos/as) desta edición.
 
Gañadores
 
Resultaron gañadores do certame os equipos IES Rafael Puga Ramón de A Coruña, na ESO, Colexio La Salle de Santiago, en bacharelato, e Campus universitario de Santiago 2, en universidades.
 
Ademais, 11 mozos recibiron a mención de honra ao mellor orador. Na categoría da ESO os mellores oradores foron Lucas Rodríguez Kawalski (do IES María Inmaculada Carmelitas Vedruna, en Vigo), Ana Varela Pose (IES Rafael Puga Ramón, A Coruña) e Noa Santiago Falcón (IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía). En bacharelato: Andrés Collantes Barros (Colexio La Salle, Santiago), Blanca Noya Juncal (Colexio La Salle, Santiago), Óscar Rodríguez de Vivero (IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo) e Alfonso Vázquez Losada (Colexio Peñarredonda, A Coruña). En universidade: Paula Álvarez García (Campus Santiago de Compostela), Pablo Abelleira Acevedo (Campus Pontevedra), Jaime Arangüena Laffón (Campus A Coruña) e María Pedreira López (Campus Santiago de Compostela).
 
Ademais, os premios aos mellores artigos de investigación outorgáronse ao Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e ao IES Fontexería de Muros.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina