3.3 36170(11/MOC-000105)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio
Sobre a política do Goberno galego en materia de atención primaria (Moción a consecuencia da Interpelación doc. núm. 35222, publicada no BOPG núm. 325 do 1 de xuño de 2022 , e debatida na sesión plenaria dos días 14 e 15 de xuño de 2022)
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Comprometer a convocatoria, nas dúas vindeiras Ofertas Públicas de Emprego, de prazas para todas as categorías implicadas na atención primaria a maiores dos profesionais de medicina de familia e comunitaria.
2. Ampliar o tempo de contratación nos chamados contratos de continuidade ata establecer un mínimo de dous anos con limitación xeográfica.
3. Establecer como pauta a contratación do persoal eventual para o completo do tempo preciso para a cobertura que realizan, evitando a concatenación inestable de contratos pequenos asociados á mesma labor no mesmo posto.
4. Abrir unha mesa de diálogo co colectivo de titores/as en atención primaria na procura da mellora das condicións e facilidades para a cobertura de formación especializada relacionada coa atención primaria. Rematar o proceso de elaboración do decreto de “ordenación do sistema de formación sanitaria especializada”, anteproxecto que foi presentado na mesa sectorial de sanidade no mes de outubro de 2021.
5. Comprometerse a esgotar o máximo das convocatorias posible nas categorías e especialidades con relación coa atención primaria ata o fin de lexislatura.
6. Presentar no Parlamento de Galicia un informe sobre as prazas de formación sanitaria especializada que inclúa o período 2000-2022 e que conteña as prazas solicitadas para habilitación, as aprobadas para poder ser convocadas e as incluídas finalmente en cada convocatoria, cos datos desagregados para cada especialidade e por área sanitaria.”
Saúdos, Gabinete de Comunicación