saltar ao contido

Declaración institucional con motivo do Día Internacional das Persoas LGTBI

Hoxe, 28 de xuño, celébrase o Día Internacional das Persoas LGTBI. Foi ese día, pero de 1969, cando en Stonewall, no barrio Neoyorkino de Greenwich Village, se orixinan revoltas populares en defensa deste colectivo, xerando o movemento internacional moderno para o recoñecemento dos dereitos de todas as persoas LGTBI.
 
É importante que toda a sociedade participe da celebración deste día, que nos lembra que debemos seguir a traballar e avanzar na construción de sociedades máis tolerantes e integradoras, que sexan capaces de celebrar a diversidade e, sobre todo, que garantan o cumprimento dos dereitos de todas as persoas LGTBI. Non se pode esquecer que os dereitos do colectivo LGTBI son e serán sempre dereitos humanos, e non debemos deixar de construír contornas cada vez máis xustas, en todos os sentidos; baseadas en principios tan esenciais como a igualdade, a tolerancia, o respecto e a liberdade.
 
É certo que avanzamos moito e que Galicia conta desde 2014 cunha lei específica e propia de igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI, e desde 2018 co Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.
 
Agora ben, é necesario continuar no camiño de ampliación da conquista de dereitos e poñendo especial empeño na erradicación de condutas LGTBIfóbicas, denunciando estas actitudes sempre, sexan do grao que sexan. Son condutas discriminatorias e debemos, como axentes responsables, loitar contra elas e empeñarnos en lograr cidades e pobos libres de violencias, convertidos en lugares de respecto.

Dende as institucións debemos asegurar a igualdade efectiva de todas as persoas LGTBI e as súas familias, como elemento esencial dunha boa convivencia para o progreso e o desenvolvemento social.
 
É a nosa obrigación poñer freo aos discursos de odio que desde hai tempo están a escoitarse, construíndo un muro para concienciar a sociedade para que todas as persoas, sen importar a súa identidade ou orientación sexual, poidan exercer, sen medo e con respecto, todas as facultades e dereitos que lles corresponden como cidadáns e cidadás de pleno dereito.

 Somos conscientes de que quedan cousas por facer, polo que nos sumamos sen ambaxes á Resolución aprobada no Parlamento Europeo en marzo de 2021, onde se declara que a Unión Europea é zona de liberdade para todas as persoas LGTBI, que non se tolerará a retórica perigosa e discriminatoria que pode impedir que millóns de cidadáns e cidadás vivan tal e como desexen. Así, estamos totalmente en contra de calquera tipo de discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero e defendemos o dereito á plena igualdade, á dignidade e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero.
 
O Parlamento de Galicia quere mostrar a súa solidariedade e apoio a todas as vítimas das agresións LGTBIfóbicas, e quere facer un recoñecemento o labor de todas as persoas activistas e de organizacións que voluntariamente levan traballando máis de 50 anos en favor da igualdade efectiva de todas as persoas LGTBI.
 
Asemade, o Parlamento de Galicia quere reiterar a súa condena ao asasinato de Samuel Luiz, do que se cumprirá nos próximos días un ano. Un acto brutal, inhumano e execrable que conmoveu á sociedade da nosa terra e, de toda España e no que se verteron, segundo as testemuñas, expresións homófobas que, con independencia da cualificación penal dos feitos, queremos condenar, alén de lembrar a importancia de desterrar da nosa sociedade o odio á diversidade sexual.
 
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina