saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 13 de xullo de 2022

6.2 34528 (11/PNP-003045)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para dirixirse ao Parlamento Europeo, aos Grupos Parlamentarios nel presentes e á DG Mare para rexeitar as propostas que leven á limitación ou eliminación do emprego de artes de fondo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 318, do 12.05.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
 
• A dirixirse ao Parlamento Europeo, aos Grupos Parlamentarios nel presentes e á DG Mare e Comisión Europea para amosar o seu rexeitamento ás propostas normativas ou de opinión que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo, entendendo que o seu emprego pode ser respectuoso cos hábitats mariños nos que traballan e sinalando o impacto social e económico que estas medidas propostas poden ter, especialmente obre a frota costeira artesanal.
 
• A elaborar todos os estudos necesarios, fundamentados en datos científicos e técnicos rigorosos e solventes, sobre as artes de fondo, que permitan iniciar un proceso de diálogo co sector pesqueiro e cos membros do Consello Europeo antes de tomar ningunha decisión ao respecto.
 
• A elaborar un informe sobre o impacto socioeconómico que provocaría calquera decisión sobre a limitación ou eliminación das artes de fondo na frota e no noso país”.
  
6.3 35586 (11/PNP-003161)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pomar Tojo, Carmen María e 6 máis
Sobre a demanda da Xunta ao Goberno de España para que teña en conta as peculiaridades que ten Galicia no deseño do novo mapa concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 328, do 08.06.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a pedir ao Goberno de España que rectifique os criterios empregados no deseño do Novo Mapa Concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia e teña en conta as peculiaridades que ten Galicia no que respecta á dispersión territorial e poboacional, promovendo a prestación de servizos de transporte interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, as paradas e os tráficos actuais, ademais das conexións directas existentes ata o de agora”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina