saltar ao contido

Acordos da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 02 de setembro de 2022

A  Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 2 de setembro de 2022, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Programas e Plans
 
Resolucións
 
- 35345 (11/PEP-000002)
Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030, remitido pola Consellería de Sanidade
BOPG nº 328, do 08.06.2022
 
Resolución número 1 (proposta do G. P. Popular de Galicia núm. 1)
 
«O Parlamento de Galicia acorda a aprobación do plan Obesidade Zero de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030.».
 
Aprobada por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
Resolución número 2 (proposta do G. P. Popular de Galicia núm. 2)
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a acompañar este plan Obesidade Zero cunha memoria económica que prevexa un mínimo dun millón de euros de dotación por cada un dos nove anos de vixencia do plan».
 
Aprobada por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
Resolución número 3 (transacción acadada coa proposta do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 11)
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear a categoría estatutaria de dietista-nutricionista no Sergas, con funcións tanto na atención hospitalaria como na primaria, e a crear as primeiras prazas de fisioterapia de atención primaria, na liña das 40 creadas mediante o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, e a tomar as medidas para garantir a completa cobertura das 45 prazas de psicoloxía clínica ligadas aos programas previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 4 (proposta do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 3)
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia á ampliación da análise realizada do benestar emocional como factor protector do sobrepeso e a obesidade, realizando un estudo sobre o impacto que ten o deterioro da saúde mental sobre o desenvolvemento do sobrepeso e a obesidade.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 5 (proposta de resolución do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 5)
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a deseñar un protocolo de formación para o persoal auxiliar nos comedores escolares, nos que se contemplen pautas de alimentación e adquisición de hábitos saudables, así como de educación das crianzas na aprendizaxe desas destrezas.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 6  (proposta de resolución do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 15)
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover o acceso da poboación a información clara, coherente e contrastada cientificamente a través de medios de comunicación tradicionais como das novas tecnoloxías. Deste xeito, ademais de divulgar a través de páxinas web e redes sociais, tamén se valerá de programación na radio e televisión de Galicia, actuando como unha fonte de información sobre prácticas adecuadas de alimentación, promoción da actividade física e benestar emocional, prevención de condutas prexudiciais para a saúde, así como ferramentas para interpretar a etiquetaxe nutricional recoñecendo mensaxes enganosas.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 7 (proposta de resolución do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 16)
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a realizar accións formativas para a asistencia a pacientes con obesidade destinadas tanto a profesionais de Atención Primaria como tamén dos demais niveis asistenciais, incluíndo a todas as categorías profesionais.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 8  (proposta de resolución do G. P. do Bloque Nacionalista Galego núm. 17)
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a remitir os informes de seguimento que se realizarán deste plan a esta mesma Cámara, así como todos os que del deriven.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 9 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 1)
 
«2. Análise de situación
 
Incluír algunha avaliación de plans anteriores relacionados coa mesma temática, estimando a súa eficiencia e cumprimento de obxectivos formulados no seu inicio, con especial atención ao Plan Xermola.»
 
Resolución número 10 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 2)
 
«2. Análise de situación
 
Incluír as referencias necesarias ao actualizado Estudo nutricional da poboación española, publicado en 2021 pola Revista Española de Cardioloxía e avalado pola Sociedade Española de Cardioloxía, que actualiza os datos epidemiolóxicos respecto aos dos incluídos no Plan e inclúe datos desagregados por comunidades autónomas que permiten a comparativa máis específica para Galicia.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 11 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 3)
 
«2. Análise da situación
 
Redimensionar o valor do contexto socioeconómico das persoas e familias como condicionante mediador dos factores de nutrición e hábitos de vida saudables nos que se basea a intervención do plan, outorgando un peso considerable á súa influencia, e estimar novamente o seu impacto na definición de eixes, obxectivos e accións.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 12 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 4)
 
«4. Eixes estratéxicos
 
Definir, no 1.3. Mellorar a composición de alimentos e bebidas, o criterio do Goberno galego sobre os sistemas de medición de alimentos do grupo de semáforo nutritivo, e establecer un protocolo de incorporación progresiva ao sistema mellor valorado.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 13 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 8)
 
«4. Eixes estratéxicos
 
Avaliar a posibilidade de facilitar a actividade física que sexa prescrita por profesionais sanitarios, resolvendo os problemas de accesibilidade no caso que esta teña un custo económico asociado inevitable.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 14 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 9)
 
«4. Eixes estratéxicos
 
Definir con concreción as actuacións e orientación de actuacións que terán que ver coa participación dos profesionais de atención primaria en termos de saúde comunitaria, tendo toda a consideración desta participación dentro das xornadas laborais dos profesionais para todos os efectos.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 15 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 10)
 
«4. Eixes estratéxicos
 
Incorporar, no obxectivo 6. Favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; 6.2. campaña de comunicación permanente, a participación de persoeiros destacados e de relevancia para as poboacións obxectivo en cada momento, que promovan hábitos saudables e que fomenten as condutas de maior impacto positivo en termos de loita contra o sobrepeso e obesidade.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 16 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 11)
 
«4. Eixes estratéxicos
 
Dentro do obxectivo 9. Desenvolver a rede de investigación en promoción da saúde, e focalizado dentro da promoción da investigación no eido académico, crear e financiar a Cátedra de Vida Saudable, en colaboración cos departamentos académicos implicados, que promova a investigación e formación no ámbito da vida saudable e contribúa a servir de punto de referencia dos avances investigadores e das potencialidades de divulgación do coñecemento adquirido.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).
 
Resolución número 17 (proposta de resolución do G. P. dos Socialistas de Galicia núm. 12)
 
«6. Avaliación e seguimento
 
Establecer criterios de avaliación concretos e medibles, para permitir unha valoración precisa do plan. Determinar puntos intermedios temporais de avaliación e comprometer o traslado do informe de seguimento do plan, que se sinala como anual estimación anual, a través do Parlamento de Galicia para dar maior contido ao obxectivo 1.1.»
 
Aprobada por unanimidade (12 votos).

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina