saltar ao contido

Declaración institucional para conmemorar a celebración do Día Mundial da Infancia

O Día Mundial da Infancia, que se conmemora cada 20 de novembro, axuda a visibilizar a causa dos dereitos da infancia e a tomar conciencia da necesidade de seguir traballando e avanzando na construción dunha sociedade que mellore o benestar e o desenvolvemento da infancia e a adolescencia.
 
UNICEF ESPAÑA quere conmemorar este día destacando os grandes logros acadados a favor dos dereitos dos nenos e das nenas, mais tamén lembrando que aínda hai retos pendentes de alcanzar en España e en Galicia para que os dereitos da infancia sexan unha realidade nun Estado que ratificou a Convención sobre os Dereitos do Neno hai máis de trinta anos.
 
Nese senso, queremos facer fincapé nos múltiples desafíos aos que na actualidade se enfrontan nenos, nenas e adolescentes, como a pobreza e as desigualdades, a crise climática, a violencia, o acoso escolar e o ciberacoso, as consecuencias da covid-19, os problemas de saúde mental... e que comprometen o seu nivel de benestar hoxe, mais tamén as súas oportunidades de desenvolvemento e supervivencia mañá.
 
Así pois, asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento, e por iso debemos tomar decisións firmes para garantir que ningún neno e ningunha nena queden atrás. É por iso que pedimos un compromiso real para promover as seguintes accións que favorezan o cumprimento dos seus dereitos:
 
Promover un maior e máis eficiente investimento na infancia, escoitar as súas preocupacións e necesidades, impulsar recursos e garantir a prevención e atención da súa saúde mental, impulsar prestacións de apoio á crianza que beneficien as familias, protexelos ante todo tipo de violencia, reforzar e promover a súa inclusión, con especial atención a migrantes, persoas refuxiadas e todas aquelas que saen do sistema de protección á infancia; promover as accións necesarias para o cumprimento dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible e o Acordo de París e fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento.
 
No mesmo senso, a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia tamén reafirma o seu compromiso unánime de promover a protección integral dos nenos, nenas e adolescentes que viven en Galicia e de garantir os seus dereitos fundamentais e as súas liberdades públicas, co obxectivo de que todos e todas poidan prosperar, aprender, facer escoitar a súa voz e acadar o seu pleno potencial, facendo fincapé no marco regulador galego en materia de protección á infancia.

Nos últimos anos téñense producido melloras nos estándares internacionais dos dereitos das nenas, os nenos e adolescentes, impulsados polas Directrices de Nacións Unidas, e os marcos lexislativos máis recentes en materia de infancia están adoptando progresivamente o enfoque de dereitos, incluíndo non só os colectivos desprotexidos senón o conxunto de todos os nenos, nenas e adolescentes considerados como suxeitos de dereitos, deberes e oportunidades e incorporando as novas cuestións que aparecen nunha sociedade en constante transformación.

Desde este novo paradigma, xorde a oportunidade de reforzar o marco normativo en Galicia que incorpore termos de referencia claves da nosa época como parentalidade positiva, bo trato, contornas dixitais seguras, detección precoz, prevención da violencia, transición á vida independente, por poñer algúns exemplos.

Por iso, manifestamos o noso compromiso de traballar por un marco lexislativo que produza un importante salto de calidade na visibilidade dos dereitos das nenas, nenos e adolescentes, na ampliación dos consensos sociais sobre como facelos efectivos e na coordinación de todas as entidades que deben asegurar o seu benestar.

Ademais, o Parlamento quere reafirmar a vontade unánime de Galicia de respectar, defender e promover a Convención dos Dereitos do Neno como medio para abordar os principais retos que ten que afrontar a infancia, e insta o Goberno galego, as institucións e a sociedade no seu conxunto a avanzar, entre outras cuestións, na erradicación da pobreza infantil, no fomento dun acceso universal equitativo á educación e á sanidade, no establecemento dun marco xurídico de protección integral contra a violencia e na promoción da participación dos nenos, nenas e adolescentes de maneira efectiva nas decisións que lles afecten.
 
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina