• Na súa condición de presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos, Pilar Rojo presidiu hoxe en Madrid unha reunión da Comisión Permanente da COPREPA
• Un total de 11 parlamentos autonómicos asinaron xa a súa adhesión á “Red_Parlamenta” para o intercambio de documentación e información parlamentaria
Madrid, 6 de xuño de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidiu esta tarde, na Casa de Galicia en Madrid, unha reunión da Comisión Permanente da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA) na que, entre outros asuntos, se ultimou a posta en marcha da denominada “Red-Parlamenta”.
Un total de once parlamentos autonómicos (Galicia, Castela e León, Navarra, Cantabria, Murcia, Illas Baleares, Cataluña, Castela-A Mancha, País Vasco, Principado de Asturias e Estremadura) asinaron xa os documentos de adhesión da “Red-Parlamenta”, impulsada pola COPREPA para o intercambio de documentación e información de interese parlamentario.
Mellorar a calidade da documentación e dos traballos
Esta medida xurde co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos ofertados polos departamentos de documentación das diferentes Cámaras lexislativas. A integración na “Red_ Parlamenta” é voluntaria e está aberta á participación de todas as Cámaras lexislativas do Estado.
A presidenta do Parlamento de Galicia confía en que esta ferramenta contribúa a mellorar a calidade dos debates e traballos parlamentarios que se desenvolvan en Galicia.
A reunión da Comisión Permanente da COPREPA celebrada esta tarde contou tamén coa participación dos presidentes, en funcións, dos parlamentos de Navarra, Canarias, e Castela e León.
Na xuntanza de hoxe fixouse, ademais, unha postura común da COPREPA de cara á próxima celebración, en Santiago de Compostela, o vindeiro 24 de xuño, do Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas de Europa (CALRE).
Pilar Rojo foi elixida presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos no Plenario celebrado en Pamplona os pasados días 7 e 8 de marzo.
Incrementar a visibilidade dos parlamentos autonómicos
Rojo Noguera agarda que a Presidencia de COPREPA contribúa a facer máis visible o traballo que se densenvolve nas diferentes cámaras autonómicas, ao tempo que reivindica unha actitude de apertura xeral dos lexislativos á sociedade.