saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de abril de 2023

5.1    37241 (11/PNP-003323)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Rey Varela, José Manuel e dezanove deputados/as máis

Sobre as actuacións que debe realizar o Goberno galego para lle pedir ao Goberno de España que poña en marcha con carácter prioritario as accións necesarias tendentes ao fomento e á reactivación económica da zona de Ferrol, coa modernización das instalacións e das infraestruturas ferroviarias

Publicación da iniciativa, BOPG nº 353, do 01.08.2022

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España que sitúe Ferrol entre as súas accións prioritarias e urxentes e materialice os compromisos pendentes coas veciñas e veciños deste municipio, en particular, impulsando as seguintes accións:

 

1º. Desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado por Ferrol, dirixido á reactivación económica e social da cidade e das comarcas de referencia, protexendo o emprego e o tecido industrial a través da modernización e mellora competitiva dos sectores tradicionais, así como da diversificación cara a novos sectores con gran potencial de futuro.

 

2º. Dotar dos orzamentos necesarios para desenvolver con urxencia infraestruturas para modernizar as instalacións de Navantia Ferrol, nomeadamente, a construción dun dique seco que permita poñer en  marcha o estaleiro 4.0 que reforce a competitividade, mellore a eficiencia e prepare estas instalacións para os retos de futuro.

 

3ª. Presentar e executar unha planificación concreta e completa para a modernización das infraestruturas ferroviarias, así como os investimentos necesarios que fagan posible estender a Ferrol os beneficios da alta velocidade e lograr a inclusión da liña A Coruña–Ferrol no corredor atlántico de mercadorías, ademais da imprescindible modernización da liña Ferrol-Ribadeo.

 

4. Realizar un estudo integral xunto co CEDEX da situación da ría na liña indicada polo estudo que presentou recentemente a Estación Biolóxica Mariña da Graña-USC para determinar con detalle as causas do colapso produtivo e as medidas necesarias para a súa rexeneración.

 

5. Colaborar co Concello de Neda para a elección do mellor sistema de saneamento para as augas residuais, así como para a realización das obras necesarias para executalo, dando solución definitiva ao problema de saneamento da ría de Ferrol eliminando as verteduras que aínda existen na actualidade.

 

6. Declarar Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación a casa natal de Carvalho Calero e as parcelas necesarias para desenvolver o proxecto de recuperación co fin de destinala para os usos dotacionais que o barrio necesita.»

        

5.2    50912 (11/PNP-004207)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pérez Domínguez, Fernando e oito deputados/as máis

Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para que adopte medidas tendentes a reforzar os servizos de atención á cidadanía da Seguridade Social

Publicación da iniciativa, BOPG nº 467, do 15.03.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno

de España para que:

 

1º. Adopte as medidas de reforzo necesarias para superar, de forma inmediata, as deficiencias apreciadas nos servizos de atención á cidadanía da Seguridade Social, de tal xeito que se garanta un servizo público efectivo e de calidade.

 

2º. Que habilite un protocolo específico, á imaxe do que ten en marcha a Xunta de Galicia, para a atención administrativa xeral e preferente das persoas maiores de 65 anos, orientado a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a súa independencia.»

        

5.3    52059 (11/PNP-004314)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Fernández Gómez, Alexandra e dous deputados/as máis

Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para dar cumprimento ao acordo unánime acadado no Parlamento galego en relación cos inmobles da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria

Publicación da iniciativa, BOPG nº 478, do 05.04.2023

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

 

1. Antes de que remate o período de sesións, volver demandar da SAREB, así como do Goberno do Estado, a información sobre o número de bens, o estado de conservación, a localización e evolución do parque inmobiliario en mans da SAREB no territorio galego.

 

2. Antes de que remate o período de sesións e unha vez recibida a información, elaborar un informe valorativo dos activos da SAREB en territorio galego que concrete unha proposta de selección dos activos que se transferirán ao IGVS, con base en criterios sociais.

 

3. Antes de que remate o período de sesións, volver solicitar ao Goberno do Estado a cesión inmediata ao IGVS daqueles activos inmobiliarios de uso residencial propiedade da SAREB que se atopen nun estado axeitado para tal uso e que se localicen en zonas onde exista demanda de vivenda, co fin de incrementar a oferta de alternativas habitacionais públicas e axilizar a resposta do Rexistro de Demandantes de Vivenda, sen prexuízo dos convenios que se poidan formalizar ao respecto cos concellos.

 

4. Co fin de evitar situacións de despexo, o IGVS deberá procurar a continuidade dos contratos vixentes, especialmente nos casos de rendas baixas e persoas vulnerables, ben a través de solicitar ao Goberno do Estado e á SAREB o mantemento e prórroga dos contratos de alugueiro existentes, ben mediante a solicitude de transferencia  dos bens inmobles ao IGVS ou aos concellos e a subrogación dos contratos, para despois incorporalos á bolsa de vivenda pública.»

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina