Pilar Rojo: “A Galicia do mañá será moito mellor que a de hoxe” porque “os rapaces que rexerán o noso destino rebosan capacidade, inxenio e destreza”

• O Parlamento de Galicia acolleu a entrega dos  premios do seu concurso escolar, que rexistrou unha elevada participación con preto de 900 orixinais presentados
 
• Pilar Rojo constata que “malia os tópicos, sí é posible suscitar o interese dos máis novos polo traballo que se desenvolve nas institucións”

Santiago, 20 de xuño de 2011.- Os preto de 900 traballos presentados ao Concurso Escolar do Parlamento galego énchennos de orgullo porque “constatamos que a Galicia do mañá será moito mellor que a de hoxe” dado que “os rapaces que dentro de nada rexerán o noso destino rebosan capacidade de traballo, inxenio e destreza como quedou demostrado nos orixinais recibidos”. Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, no acto de entrega dos premios do Concurso Escolar 2010-2011, organizado pola Cámara Galega.
 
A xuízo da titular do lexislativo galego, a elevada participación rexistrada neste concurso (888 orixinais) permite constatar que “malia os tópicos de sempre, sí é posible suscitar o interese dos máis novos polo traballo que se desenvolve nas institucións”, pero tamén acredita a “enorme implicación do persoal docente”. “Sen o ánimo e o impulso do profesorado, esta elevada participación non tería sido posible”.
 
Cultivar o interese dos máis novos polo Parlamento
Nesa estratexia, “cultivar o interese dos máis novos polo que aquí se fai é unha condición imprescindible para incrementar esa proxección que todos arelamos”.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento tivo verbas de agradecemento para a Consellería de Educación que asesorou ao Parlamento na posta en marcha do concurso. Pero agradeceu tamén o traballo desenvolvido polo persoal da Cámara e polos membros do Xurado, por ter afrontado con éxito esta tarefa.
 
Pilar Rojo rematou facilitando aos galardoados e a toda a comunidade educativa de Galicia, á que animou a “continuar transitando por esta senda- a da educación, no sentido máis amplo- que nos conduce a unha Galicia mellor para todos”.
 
GAÑADORES E FINALISTAS
Os seleccionados foron os seguintes:
 
CONCURSO DE DEBUXO:
Alumna gañadora: NOELIA TINOCO LACOMBA (doc. núm. 64483)
• Centro escolar: Escola Rosalía de Castro. Vigo. Pontevedra.
• Clase: 4º B de primaria
• Profesor que supervisou á gañadora: D. José Manuel Carnero González
 
Alumna finalista: CLARA FERNÁNDEZ CASÁS (doc. num. 64348.1) (alumna de 4º de primaria no CEIP Raquel Camacho. A Coruña)
 
CONCURSO DE REDACCIÓN:
Alumno gañador: DANIEL VICENTE GUTIÉRREZ SALVADOR (doc. núm. 64510.8)
• Centro escolar: IES Ánxel Fole. Lugo
• Clase: 2º da ESO
• Profesora que supervisou ao gañador: D.ª Carme Millares Fernández
 
Alumna finalista: IRENE LÓPEZ GONZÁLEZ (doc. núm. 64471)(alumna de 2º da ESO no CPR La Merced. Sarria. Lugo)
 
CONCURSO DE EXPRESIÓN LIBRE:
Alumnos gañadores: LARA RUBAL OTERO, CRISTIAN VIZCAÍNO RODRÍGUEZ E PATRICIA MARTÍNEZ PAZ  (doc. núm. 64518.1)
• Centro escolar: IES San Rosendo. Mondoñedo. Lugo.
• Clase: 3º B da ESO
• Profesora que supervisou aos gañadores: D.ª Amparo Bermúdez González
 
Alumna finalista: RAQUEL FERNÁNDEZ BARREIRO (doc. núm. 64401.15)(alumna de 4º da ESO no CPI Covaterreña. Baiona. Pontevedra).
 
Finalmente, o Xurado propón unha mención especial para os seguintes alumnos:
 
  ÁLVARO PAZOS FERNÁNDEZ (doc. núm. 64554.2)(alumno de 2º ciclo no Centro de Educación Especial Saladino Cortizo. Vigo)

  SARA PEDRIDO GARCÍA (doc. núm. 64552.17) (alumna no Centro de Educación Especial Príncipe Felipe. Pontevedra)

Os traballos gañadores e finalistas pódense consultar en: http://concursoescolarparlamentodegalicia.blogspot.com/
 
 
 
 

Imaxes relacionadas