Santiago, 20 de maio de 2024.- As embaixadoras e embaixadores dos países membros da UE acreditados en España efectuaron esta mañá unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, no marco dunha viaxe á Comunidade organizada pola representación diplomática de Bélxica en Madrid con motivo da Presidencia belga do Consello da Unión Europea.
Na recepción, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que malia que cada país europeo posúe a súa propia identidade, todos comparten valores esenciais como a democracia plena e o respecto ao estado de dereito.
“Trátase de valores universais -insistiu Santalices-, pero valores cuestionados en moitas partes do mundo. Por iso, hoxe máis ca nunca, é necesario defender e perseverar neles, porque o noso futuro está en xogo".
O titular do Lexislativo galego aproveitou a reunión cos diplomáticos europeos para condenar o recente intento de magnicidio contra o primeiro ministro de Eslovaquia, ao tempo que expresou a súa “firme repulsa a calquera actitude que atente contra os principios inspiradores da Unión Europea, porque a violencia atenta directamente contra as nosas esencias". Tamén desexou unha “pronta e satisfactoria" recuperación da vítima.
O presidente do Parlamento recordou, parafraseando a Goethe, que Europa se fixo peregrinando a Compostela. A xuízo de Santalices, “as diferentes rutas xacobeas simbolizan boa parte dos valores compartidos por Europa e as institucións comunitarias: esforzo, tolerancia, capacidade de superación, cosmopolitismo".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.