2.4 4118 (12/MOC-000006)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana
Moción sobre a política de impulso de estratexias para a mellora e preservación dos niveis de produtividade marisqueira nas rías galegas (Moción consecuencia da Interpelación nº 2271, publicada no BOPG núm. 20 f1, do 2 de maio de 2024, e debatida na sesión plenaria do 14 de maio de 2024).
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a presentar neste ano en sede parlamentaria o cronograma e as partidas orzamentarias que permitan levar a cabo o acordo aprobado por unanimidade, o pasado 7 de maio, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, co seguinte contido:
1º.- Elaborar e poñer en marcha, de xeito urxente e extraordinario, un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro, e que contemple, cando menos:
• Axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade.
• Creación dun seguro público de produción marisqueira que asegure unha produción mínima e garanta uns ingresos e unha renda digna aos traballadores e traballadoras do mar en inactividade.
• Demandar do Goberno de España a exención das cotas da Seguridade Social para as persoas afectadas ata que se recupere a actividade con normalidade.
• Atender a situación económica das confrarías que se vexan afectadas por una importante diminución de ingresos por mor da caída de produción.
2º.- Elaborar, sen máis dilación e de acordo co sector, os centros de investigación da Consellaría do Mar e as universidades galegas, orzamentar e executar un plan plurianual de medidas que permita:
• Comezar a recuperación e rexeneración das rías galegas e a súa produtividade.
• Artellar os mecanismos necesarios para enfrontar as consecuencias que xa está a ter o cambio climático no comportamento e cantidade dos distintos recursos e na actividade pesqueira, mexilloeira e marisqueira de Galicia.
Asemade, o Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a reiterar a solicitude formulada ao Goberno de España para que declare como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia (zona catastrófica) aos bancos marisqueiros dos concellos costeiros do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, de modo que tamén se habiliten as axudas estatais necesarias para compensar, de forma completa e urxente, ao sector afectado polas perdas que se derivan da alta mortalidade nas poboacións de mariscos, especialmente de bivalvos de interese comercial, logo das incesantes precipitacións deste outono-inverno".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.