saltar ao contido

Santalices subliña a “dimensión extraordinaria" do traballo que desenvolve Cáritas entre as persoas máis desfavorecidas

  • O presidente do Parlamento de Galicia pronunciou o “Pregón da Caridade", convocado por Cáritas Diocesana de Lugo

 

 

Santiago, 29 de maio de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, pronunciou esta tarde o “Pregón da Caridade", convocado por Cáritas Diocesana de Lugo coincidindo coa campaña  organizada con motivo do Día da Caridade baixo o lema “Onde nos necesitas, abrimos camiño á esperanza".

 

No Pregón da Caridade, que este ano celebra o seu trinta aniversario, Santalices resaltou a “dimensión extraordinaria"  do traballo de Cáritas entre as persoas máis desfavorecidas da sociedade. “A pobreza, a enfermidade, a inmigración, a exclusión e tantas outras realidades dramáticas teñen diferentes facianas atendidas por Cáritas", recordou Santalices. Puxo como exemplo as preto de 25.000 persoas atendidas por Cáritas Diocesana de Lugo o ano pasado.

 

Recoñecemento social xeneralizado

 

O titular do lexislativo galego cualificou a Cáritas como a “faciana máis humana da Igrexa Católica, que goza do aprecio e do recoñecemento xeneralizado da sociedade".

 

Lembrou Santalices que o Parlamento de Galicia outorgou en 2018 a medalla da institución ás Cáritas Diocesanas de Galicia, xunto a Aldeas Infantiles SOS Galicia e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

 

Santalices Veira recordou que durante a súa etapa como director do hospital psiquiátrico de Toén contou coa colaboración de Cáritas en diferentes iniciativas, como un programa de integración da enfermos mentais, facilitando e xestionando vivendas de acollida para esas persoas; ou unha unidade de alcoholismo, impulsada desde o hospital coa colaboración de Cáritas e o pai Benigno Moure", co que tantos temos tantas razóns para estarlle agradecidos". “Son só dous exemplos -dixo-, pero podería citar moitos máis".

 

O presidente do Parlamento explicou tamén diferentes iniciativas impulsadas desde o Parlamento de Galicia no marco do “compromiso social" da institución, ao tempo que animou ao conxunto da sociedade a colaborar con Cáritas e con outras entidades análogas.

 

Educación en valores

 

Santalices defendeu tamén a educación en valores, “especialmente na solidariedade e no respecto á diversidade".

 

O conferenciante considerou paradoxal que nas sociedades desenvolvidas –“auténticos privilexiados por termos acceso a recursos e prestacións das que carece a maioría da poboación mundial"- en lugar reflexionar e valorar esta situación, xurdan “actitudes e prexuízos deplorables, como a aporofobia".

 

Nesta liña, o presidente do Parlamento animou a desterrar os prexuízos fronte aos inmigrantes, “persoas como calquera de nós que aspiran, coma nós, a unha vida mellor para eles e para as súas familias, como ben saben en Cáritas, puntal indispensable para moitos deles na ardua tarefa de abrirse paso e  comezar de novo".

 

“Seis décadas despois de iniciar a súa actividade -concluíu Santalices-, Cáritas Diocesana de Lugo coñece ben esta e outras realidades, realidades cambiantes, pero sempre cos mesmos protagonistas: persoas empobrecidas, vulnerables, que non sempre queremos ou somos quen de ver; persoas coma calquera de nós ás que a man amorosa de Cáritas axuda e impulsa para acceder a un mundo mellor".

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina