Pilar Rojo representa a Galicia no Día de Ceuta e apela ao espírito de concordia para “acercar posturas e superar dificultades”

 

• A presidenta do Parlamento destaca que “máis aló da distancia xeográfica, é moito máis o que nos une que o que nos separa” en referencia aos vínculos entre Galicia e Ceuta

 
• Reivindica “os valores democráticos, a transparencia nas nosas actuacións, o esforzo, o traballo serio, a solidariedade; en definitiva, todo o que significa a política como servizo público”

Ceuta, 2 de setembro de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, reivindicou hoxe en Ceuta a vixencia da concordia para “acercar posturas e superar dificultades”. Nun discurso pronunciado no acto institucional de celebración do Dia da Autonomía de Ceuta, no que ostentou a representación oficial de Galicia, Pilar Rojo, recordou os diferentes vínculos que unen a Galicia a Ceuta, como a “españolidade común” ou a capacidade de ambos territorios por ser “punto de encontro de civilizacións que  rexeitan o illamento”.
 
A presidenta da Cámara autonómica agradeceu que Ceuta dedique a Galicia a celebración do Día da Autonomía deste ano e desculpou ao presidente da Xunta por non poder participar neste acto.
 
“Gracias presidente –afirmou Pilar Rojo dirixíndose a Juan Vivas, presidente da Cidade Autónoma de Ceuta- por compartir esta honra que nos enche de orgullo e pon de manifesto que máis aló da distancia xeográfica, é moito máis o que nos une que o que nos separa”.
 
Integración
 
Ademais, apuntou que dado que Galicia é unha “terra que coñece ben a realidade da emigración, creemos e confiamos no valor xerado pola convivencia das distintas culturas en todos os ámbitos, da mesma forma que creemos que só desde o respecto ás normas que nós mesmos nos temos dado é posible lograr a integración que todos desexamos baixo o espírito da concordia”.
 
Referíndose ás dificultades xeradas pola crise actual, a presidenta do Parlamento de Galicia considerou que ao “drama” do desemprego, se une a “desesperanza e a falta de confianza dos cidadáns respecto ao futuro, pero  tamén en relación coas institucións e os gobernos”.
 
Por iso, considerou “máis necesario que nunca reivindicar os valores democráticos, a transparencia nas nosas actuacións, o esforzo, o traballo serio, a solidariedade; en definitiva, todo o que significa a política como servizo público”.
 
O acto institucional no que intervíu Pilar Rojo contou coa intervención do presidente da Cidade Autónoma de Ceuta, Juan Vivas, e nel foron distinguidos coa Medalla de Autonomía o Hospital Militar General O’Donnell de Ceuta, o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ceuta, o Consello Diocesano de Irmandades e Confrarías da Cidade e Bispado de Ceuta, a Asociación “Enfermos sin Fronteras” e a Selección Alevín de Fútbol Sala. O acto conclíu coa interpretacion dos himnos de Galicia e de Ceuta.
 
Pola mañá, Pilar Rojo acompañou ao presidente da Xunta nun encontro institucional co presidente da Cidade de Ceuta, Juan Vivas,  e cos integrantes da Asemblea.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas