A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 26 de setembro de 2024, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 5734 (12/PNC-000687)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 7 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co fin de que impulse, dentro do seu ámbito competencial, as medidas precisas para afrontar a escaseza de profesionais médicos no sistema
BOPG n.º 40f1, do 19.06.2024
Sométese a votación separada por puntos:
Puntos 1 e 2: resultan aprobados por 15 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.
Punto 3: resulta aprobado por 12 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.
Punto 5: resulta aprobado por 10 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
Puntos 4, 6 e 7: resulta aprobado pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia que se dirixa ó Goberno de España para:
1. Axilizar o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios.
2. Modificar o sistema de elección de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades de medicina de familia e evitar prazas vacantes.
3. Flexibilizar os criterios de acreditación de centros e unidades docentes para a formación de médicos residentes.
4. Axilizar a incorporación das novas prazas acreditadas á oferta formativa.
5. Modificar o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos da idade máxima para o exercicio da profesión médica.
6. Eliminar a taxa de reposición, cando menos nos casos nos das especialidades consideradas como deficitarias polos distintos informes do Ministerio de Sanidade.
7. Axilizar a aprobación do Real Decreto polo que se crea a especialidade de médico de urxencias."
- 6569 (12/PNC-000785)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Rodríguez, Raquel e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co fin de que cumpra determinados criterios do cofinanciamento do sistema galego de dependencia
BOPG n.º 49f1, do 10.07.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 15 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e reiterarlle as seguintes demandas:
1º.- O cumprimento do cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno central sexa equitativa, tendo especialmente en conta o desequilibrio acumulado desde a aprobación desta
normativa en 2006.
2º.- Facer efectiva a débeda acumulada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia logo do incumprimento durante todo estes anos do confinanciamento estatal da Lei de Dependencia, achegando unha cantidade que ascende a máis de 2.500 millóns de euros.
3º.- Que renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan o incremento de custos na prestación de servizos públicos de carácter social, sempre que non veñan aparelladas das transferencias de recursos económicos estatais suficientes."
Rexeitamento da iniciativa
- 4392 (12/PNC-000538)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Espinosa Mangana, María Elena e Longueira Castro, Silvia
Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia co obxecto de que reorganice os protocolos sanitarios para que o persoal facultativo que solicita probas radiolóxicas desde a atención primaria dispoña delas xa informadas e non se sature o seu labor asistencial
BOPG n.º 31f2, do 29.05.2024
Sométese a votación e resulta rexeitada por 8 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións.
- 9545 (12/PNC-000928)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 2 máis
Sobre as medidas que o Goberno galego debe adoptar co fin de mellorar as condicións do servizo de transporte sanitario urxente en Galicia
BOPG n.º 72f2, do 28.08.2024
Sométese a votación e resulta rexeitada por 8 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións.
- 10930 (12/PNC-001028)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández González, Ariadna e Rodil Fernández, Olalla
Sobre as medidas que debe pór en marcha o Goberno galego para afrontar as taxas de pobreza e de risco de pobreza en Galicia
BOPG n.º 88f1, do 20.09.2024
Sométese a votación e resulta rexeitada por 8 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións.