• A publicación será distribuída ente os escolares que visiten o Parlamento, dentro do programa de visitas guiadas, durante o primeiro trimestre deste curso
• Cun deseño atractivo, contidos que explican as competencias e funcionamento da Cámara e xogos pensados para espertar a curiosidade, a axenda pretende familiarizar aos escolares coa primeira institución de Galicia
Santiago, 24 de setembro de 2011.- Coincidindo co inicio dun novo curso, o Parlamento de Galicia ven de publicar a Axenda Escolar 2011-2012, orientada a facilitar o coñecemento da primeira institución da Comunidade Autónoma entre os nenos galegos.
Cun deseño atractivo, esta axenda, prologada pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, distribuirase preferentemente entre os escolares que visiten a Cámara durante o primeiro trimestre deste curso no marco do programa de visitas guiadas da institución.
A idea xurdiu coa idea de responder á utilidade convencional dunha axenda escolar –unha ferramenta orientada a planificar e organizar da mellor maneira posible as tarefas do alumno-, ao tempo que trata de explicar, dun xeito ameno e inxenioso, as competencias e funcionamento do Parlamento de Galicia, destacando as datas máis significativas na historia da Cámara e das institucións autonómicas.
Estes datos compleméntase con outra información histórica que sen estar directamente relacionada co Parlamento, pode resultar de interese para a formación dos escolares galegos, como é o caso da institucionalización do Día das Letras Galegas ou a Fundación da Real Academia Galega.
Paralelamente, e a través de xogos variados, a axenda trata de espertar o interese dos escolares sobre a organización e funcionamento da Cámara autonómica.
Saúdos, Gabinete de Comunicación