O Parlamento de Galicia acolle esta semana unha exposición fotográfica para concienciar sobre a pobreza e a exclusión social

• Está organizada pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza e foi inagurada pola presidenta da Cámara
 
• Pilar Rojo reitera que as portas do Parlamento “están permanentemente abertas para todos, e moi especialmente para os que podan atoparse nalgunha situación de risco de exclusión social”
 
Santiago, 17 de outubro de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, inaugurou esta mañá, na sede do lexislativo autonómico, a exposición fotográfica Prioridade I. Pobreza e Exclusión Social, organizada pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia) e que poderá visitarse durante esta semana na Cámara galega.
 
No acto inaugural celebrado esta mañá, coincidindo co Día  Internacional para a erradicación da pobreza, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, explicou que ao ceder as súas instalacións para albergar a mostra, o lexislativo galego quere sumarse, por segundo ano consecutivo, a esta campaña encamiñada a chamar a atención do conxunto da sociedade sobre a realidade da pobreza e a exclusión.
 
Coa mostra aberta ao público esta mañá, “desde o Parlamento de Galicia queremos contribuír a fomentar a reflexión; a espertar a conciencia, individual e colectiva, e tamén a eliminar as bandas invisibles que nos impiden, ás veces, ollar a realidade da pobreza, a da exclusión social tal e como son, con toda a súa crueza e inmediatez”, en palabras da presidenta do lexislativo autonómico. 
 
Na súa intervención, Rojo Noguera subliñou que “as portas do Parlamento de Galicia están permanentemente abertas para todas as galegas e os galegos, e moi especialmente para os que nun determinado momento das súas vidas poidan atoparse nalgunha situación de risco de exclusión social”.
 
Recoñecemento para EAPN Galicia
A presidenta da Cámara tamén tivo palabras de recoñecemento para o traballo que desenvolven as diferentes entidades que integran a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), como mediadores e voceiros que trasladan ás diferentes institucións a visión e os problemas dos que menos teñen. “Todos sabemos –dixo Pilar Rojo- o complicado que resulta facerse escoitar cando un atravesa momentos difíciles ou ten que desenvolverse nun medio especialmente adverso”.
 
A xuízo da presidenta do Parlamento de Galicia, “non lles debemos trasladar a competencia exclusiva da loita contra a pobreza e a exclusión social ás institucións públicas”, dado que “tan importantes como os recursos públicos son os xestos e a toma de conciencia de cada un de nós, de toda a sociedade”.
 
Ao inicio do acto, Carlos Rosón Varela, presidente en funcións de EAPN Galicia, deu lectura ao Manifesto por unha cidadanía inclusiva.
 
 

Imaxes relacionadas