Pilar Rojo presenta a Feijóo nunha conferencia do “Fórum Europa” de quen destaca a súa capacidade de traballo e o seu profundo coñecemento de Galicia

• Rojo Noguera fala sobre “a persoa que está detrás do presidente da Xunta”, que pese ás súas responsabilidades “é o Alberto Núñez de sempre, pero con máis responsabilidade ca nunca”

Santiago, 21 de outubro de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, foi a encargada de presentar hoxe, en Santiago de Compostela, a Alberto Núñez Feijóo, nunha conferencia que o presidente da Xunta pronunciou na “Tribuna Galicia” do “Fórum Europa”.
 
Rojo Noguera falou “da persoa que está detrás do presidente da Xunta” e que non ten mudado co poder. “É o Alberto Núñez de sempre, pero con máis responsabilidades ca nunca”, afirmou Pilar Rojo, para quen o presidente da Xunta “fai o que cree que ten que facer”, porque “coñece profundamente Galicia e consecuentemente toma as decisións que cree mellores para nosa terra”. Por iso, agregou, “Galicia está nas mellores mans”.
 
“Sabe escoitar”
Da traxectoria de Núñez Feijóo, a presidenta do Parlamento de Galicia destacou que se caracteriza polo “traballo duro e a atención permanente a canto acontece ao seu arredor”, pero tamén porque se trata dunha persoa que “sabe escoitar”.
 
Sinalou, ademais, que “é un home de palabra que vai sempre coa verdade por diante. Porque o seu sentido do deber e da responsabilidade non lle permitirían outra cousa”.
 
Facendo uso da ironía, a presidenta do Parlamento recordou que para quen no uso das súas facultades debe retirar a palabra ao presidente da Xunta nos debates parlamentarios, constituía un pracer concederlla sen límite de tempo na conferencia organizada esta mañá en Santiago.
 
 

Imaxes relacionadas