• O Senado acollerá proximamente a exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia, segundo acordaron esta mañá Pilar Rojo e Pío García-Escudero
• Rojo Noguera considera que os 30 anos da Cámara galega acreditan a consolidación da autonomía e o autogoberno, “desde a lealdade á Constitución e a solidariedade co resto dos territorios”
• Reivindica a dimensión de “servizo público” do traballo parlamentario e a “concordia como referencia”
Santiago, 1 de febreiro de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA), Pilar Rojo Noguera, ofreceu hoxe a súa “máxima colaboración” ao presidente do Senado, Pío García-Escudero, para levar adiante o anunciado obxectivo de dotar de maior efectividade a función de representación territorial que ten encomendada a Cámara Alta.
O presidente do Senado iniciou esta mañá no Parlamento de Galicia unha ronda de visitas ás diferentes Cámaras autonómicas, feito que para a titular do lexislativo galego constitúe unha “honra”.
A presidenta do Parlamento de Galicia considera que xestos como a visita que o titular do Senado cursou hoxe á Cámara galega demostran a súa vontade de afondar no carácter territorial da Cámara Alta, posto de manifesto por García-Escudero no seu discurso de investidura, en decembro pasado.
“Acercar a Cámara Alta ás institucións autonómicas e tamén á cidadanía resulta imprescindible nun momento no que os representantes públicos debemos mostrar unha actitude máis comprometida ca nunca”, agregou Rojo Noguera. A presidenta do lexislativo galego tamén reclamou un esforzo de transparencia e de explicación por parte de cantos desenvolven responsabilidades nas institucións públicas.
Para Pilar Rojo, o acto de hoxe alimentará un diálogo “sincero e fructífero”, “entre institucións, e tamén entre grupos parlamentarios, que redundará non só en beneficio de ambas Cámaras, senón tamén no conxunto dos cidadáns aos que representamos e aos que nos debemos”.
As orixes do Parlamento de Galicia, ao Senado
Nese espírito de colaboración, a presidenta do Parlamento de Galicia anunciou que o Senado acollerá, nos próximos meses, a exposición “Aqueles Primeiros Anos, 1981-1989” aberta ao público desde xullo pasado na Cámara galega no marco da conmemoración do seu 30 aniversario.
Trasladar esta mostra ao Senado “permitirá acercar as orixes do Parlamento de Galicia á Cámara de representación territorial”.
Lealdade constitucional e solidariedade territorial
A conmemoración destas décadas de existencia da Cámara galega supón, a xuízo de Pilar Rojo, “a proba máis palpable da consolidación da nosa autonomía e da evolución do noso autogoberno, desde a lealdade á Constitución e a solidariedade co resto dos territorios”.
O labor parlamentario como servizo público
Con esta celebración, o Parlamento de Galicia buscaba tamén, en palabras da titular da Cámara, “afianzar a dimensión de servizo público do labor parlamentario, reivindicando a súa esencia democrática, libre, representativa e tolerante; e coa concordia como concepto de referencia”.
Da mostra que se instalará no Senado, a presidenta do Parlamento recordou tamén que foi plantexada desde unha “visión plural” e que constitúe unha homenaxe aos “pais da nosa Autonomía que, sendo ou non conscientes delo, o foron tamén da España actual. Unha España imposible de entender sen a realidade enriquecedora das Comunidades Autónomas”.