A presidenta do Parlamento asistiu á inauguración da exposición “RNE, 75 años contigo”, onde eloxiou o labor dos xornalistas

 

• Cando se acaba de cumplir o 30 aniversario do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo considera “obrigada a homenaxe e agradecemento da Cámara a Radio Nacional de España” e aos demais medios de comunicación

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, asistiu esta mañá á inauguración da exposición conmemorativa do 75 aniversario de RNE ubicada na praza do Obradoiro, en Santiago.
 
Na súa intervención, Rojo Noguera recoñeceu a importancia dos medios de comunicación na configuración do papel do Parlamento de Galicia ao longo da súa historia e tamén na súa apreciación e valoración por parte dos cidadáns. “Temos contraída una débeda de gratitude pola súa presenza e o seu apoio permanente na tarefa de dar a coñecer as institucións que articulan a capacidade de autogoberno de Galicia”, manifestou.
 
Cando o Parlamento de Galicia acaba de conmemorar o seu triséximo aniversario, a presidenta da Cámara considera “obrigada a homenaxe e o agradecemento a Radio Nacional de España” presente dende os inicios do Parlamento na antiga sede do Pazo de Xelmírez, tal e como demostran as fotografías da época. A todos os profesionais de RNE, Pilar Rojo, quixo manifestarlles o seu agradecemento e recoñecemento polo labor primordial que realizan e tamén pola súa profesionalidade.
 

Exposición itinerante
 
A exposición pode visitarse durante este venres, día 24, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. A mostra continuará o seu percorrido pola comunidade autónoma, dentro do itinerario  que levará a esta plataforma a máis de 50 cidades españolas durante máis de tres meses.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas