saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia, 29.02.2012


4.1  08/PNP-1556 (76099)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Branco Parga, Carlos Fernando e Viéitez Alonso, Henrique

Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa volta á construción naval civil nos estaleiros públicos da ría de Ferrol e co fomento do sector naval de Galicia

Publicación da iniciativa, BOPG núm. 630, do 01.02.2012

O texto aprobado é o seguinte:

“A. O Parlamento galego insta á Xunta a demandar do Goberno do Estado:

1. O inicio inmediato de negociacións na UE para conseguir o levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros públicos da ría de Ferrol.

2.  A inclusión, na modificación dos Orzamentos deste ano 2012, da contratación da sexta F-100 a Navantia Ferrol-Fene.

3. A toma de decisión, no prazo dun mes, da construción dun dique frotante, a realizar por Navantia Ferrol-Fene.

4. A presentación, no prazo dun mes, do Plan industrial comprometido pola Sepi, dende o ano 2004, para os estaleiros de Navantia Ferrol-Fene.

4 bis. Desenvolver unha intensa actividade comercial que incida na promoción das capacidades e competitividade de Navantia e sinaladamente dos estaleiros da Ría de Ferrol, buscando a captación de contratos que xeren carga de traballo.

B. O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza a:

1. Presentar no Parlamento Galego, no prazo dun mes, o proxecto de Centro de Reparacións Navais na ría de Ferrol, comprometido polo Presidente da Xunta no coñecido como "contrato con Ferrol".

2. Dar cumprimento efectivo da Lei 4/2010, de 23 de xuño, de fomento do sector naval de Galicia, nomeadamente do seu artigo 4; para o cal deberá presentar no Parlamento Galego, no prazo dun mes, unha proposta concreta.

B bis. O Parlamento galego insta ao Goberno galego a que se dirixa ao Gobenro do Estado a colaborar activamente cara a manter  interlocución activa coa representación das traballadoras e traballadores dos estaleiros da Ría de Ferrol, para seren partícipes das decisións que se tomen nos estaleiros e garantir o mantemento dos estaleiros no sector público”.

4.2  08/PNP-1592 (76995)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román e 5 deputados máis

Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa futura reforma polo Goberno central da Lei 22/1998, do 28 de xullo, de costas, e o acordo adoptado polo Parlamento de Galicia a finais de 2010 ao respecto, nomeadamente o recoñecemento dos núcleos rurais tradicionais do sistema de asentamento do litoral galego

Publicación da iniciativa, BOPG núm. 636, do 09.02.2012

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a fin de que na futura reforma da Leí de Costas, se teñan en conta os enunciados da Proposición de Lei aprobada no Parlamento de Galicia a finais de 2010 e nomeadamente se lle dea solución ao recoñecemento dos  núcleos rurais tradicionais do sistema de asentamentos do litoral galego".

4.4  08/PNP-1601 (77220)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román e 6 deputados máis
  
Sobre a implementación de liñas de actuación política para a posta en marcha, no ámbito da formación profesional, dun sistema de aprendizaxe dual, coparticipado entre empresas e Administración educativa

Publicación da iniciativa, BOPG núm. 640, do 15.02.2012

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á implementación de liñas de acción política tendentes á posta en marcha de xeito progresivo dun sistema de aprendizaxe dual, coparticipado entre empresas e administración educativa, no ámbito da Formación Profesional".
  
4.5  08/PNP-1607 (77353)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Cajide Hervés, María del Carmen e Fraga Santos, Silvia Belén
  
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para o debate no Parlamento de Galicia do VI Plan galego de igualdade entre mulleres e homes

Publicación da iniciativa, BOPG núm. 640, do 15.02.2012

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Remitir antes de finalizar o presente periodo de sesións o VI Plan Galego de Igualdade entre Mulleres e Homes para o seu debate parlamentario.

2. Dar traslado do borrador do VI Plan Galego de Igualdade entre Mulleres e Homes as asociacións de mulleres e igualdade para que poidan facer as súas achegas.

3. Remitir á Cámara galega a avaliación do V Plan Galego para a Igualdade de Mulleres e Homes”.
  


Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2012


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina