O presidente da Xunta ofreceu unha recepción aos participantes no Plenario da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA) que se reúne desde esta mañá en Santiago
Pilar Rojo: “As fortalezas da democracia parlamentaria poden e deben axudarnos a afrontar os desafíos que temos por diante”
• A presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA aposta pola concordia para articular o traballo cotiá nas cámaras lexislativas co obxectivo de “fraguar o consenso que permanentemente nos demandan os cidadáns”
Santiago, 5 de marzo de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA, Pilar Rojo, considera que “as fortalezas da democracia parlamentaria poden e deben axudarnos a afrontar os desafíos que temos por diante”.
Rojo así o manifestou este mediodía no Pazo de Raxoi, no trancurso dunha recepción ofrecida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aos participantes no XVI Plenario da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos que se se celebra desde esta mañá en Santiago de Compostela.
Pilar Rojo agradeceu a recepción ofrecida polo titular da Xunta, deferencia que, na súa opinión, acredita a “consideración e respecto” que a institución parlamentaria, “cemento básico do sistema democrático”, lle merece a Núñez Feijóo.
Na súa interveción a presidenta da COPREPA recordou que o foro que reúne aos titulares das cámaras lexislativas autonómicas busca mellorar o funcionamento destas institucións e, polo tanto, “prestar un mellor servizo aos cidadáns que nos elixiron e aos que nos debemos”, pero tamén “poñer en común as fortalezas da democracia parlamentaria consagradas na nosa Constitución”.
Consolidación da autonomía
As tres décadas e case oito lexislaturas trascurridas desde a constitución do Parlamento de Galicia evidencian, en opinión de Pilar Rojo, “a consolidación da nosa autonomía e a evolución do noso autogoberno”.
Nun momento de dificultades e incertezas, no que a sociedade reclama diferentes respostas dos poderes públicos “só un parlamento dinámico e apegado á realidade, no que se definan posturas realistas e cercanas aos cidadáns , pode garantir que as decisións que se adopten estean solidamente ancoradas no interese xeral”.
A concordia como ferramenta
Para acadar ese obxectivo, a presidenta do Parlamentro de Galicia aposta pola “concordia” para acadar unha xestión máis eficiente e para “articular o día a día da política e, moi particularmente, do traballo nunha cámara lexislativa na que non adoita resultar doado trenzar os acordos e fraguar o consenso que permanentemente nos demandan os cidadáns para resolver os seus problemas”.