• A presidenta do Parlamento Vasco, Arantza Quiroga, foi elixida, por unanimidade, nova presidenta da COPREPA
Santiago, 6 de marzo de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA, Pilar Rojo Noguera, clausurou este mediodía en Santiago o Plenario Anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España dando lectura a unha declaración institucional –da que se axunta copia- na que os titulares das diferentes cámaras lexislativas amosan a súa preocupación pola crise económica, expresan o seu compromiso por protexer aos máis desfavorececidos e apostan por efectuar reformas para superar a situación actual.
Os presidentes dos parlamentos autonómicos de España apostan por manter unha postura realista e próxima aos cidadáns, por seguir afondando nos instrumentos de información parlamentaria, por compartir experiencias e boas prácticas e por fomentar a aprobación de convenios que contribúan a fortalecer as institucións.
Defensa da institución parlamentaria
De igual maneira, a declaración institucional á que deu lectura a presidenta do Parlamento de Galicia avoga por un entendemento aberto, tolerante e práctico da política e por defender as virtudes e a vixencia da institución parlamentaria, na súa condición de “foro cualificado construido con obxectividade, regulado desde a seguridade xurídica e capaz de encauzar a representación popular extraída dun sistema electoral baseado no sufraxio libre, igual, directo e segredo”.
“O éxito no cumplimento das nosas tarefas lexitimaranos máis aló da xustificación que nos proporciona a nosa ubicación formal na estrutura constitucional”, agega a declaración.
Os presidentes dos parlamentos autonómicos acordaron efectuar unha aposta estratéxica polas novas tecnoloxías e as novas formas dixitais de participación, ademais de actuar no esquema de goberno multinivel.
Plena vixencia da democracia
A declaración institucional aprobada no Plenario da COPREPA de Santiago conclúe afirmando a “plena vixencia do sustrato axiológico da democracia, isto é, o pluralismo, a participación a liberdade, a igualdade e a xustiza”.
Na mesma comparecencia, Pilar Rojo anunciou que a presidenta do Parlamento Vasco, Arantza Quiroga, resultou elixida, por unanimidade, como próxima presidenta da COPREPA no Plenario celebrado esta mañá.