saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia no marco do Día Mundial da Síndrome de Down


Os deputados e as deputadas que neste Parlamento representamos á cidadanía galega queremos subscribir a declaración das Nacións Unidas pola que o 21 de marzo se recoñece como Día Mundial da Síndrome de Down, nun esforzo por visibilizar a realidade deste colectivo e amosar as súas capacidades e logros. Desde esta Cámara facémonos eco do sentir dos galegos e das galegas coa síndrome de Down que se esforzan para acadar o seu sitio na sociedade e daquelas persoas que traballan a prol da súa autonomía e empoderamento persoal.
 
Nesta data tan sinalada, o Parlamento de Galicia quere facer seu o Manifesto por unha cidadanía inclusiva da Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down (Down Galicia), mantendo así na axenda política a loita por acadar a igualdade de oportunidades e a inclusión plena e efectiva das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.
 
Nesta liña, ratificamos os obxectivos recollidos na Convención internacional polos dereitos das persoas con discapacidade, co fin de garantir que toda a cidadanía, con independencia das súas especificidades individuais, poida desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións.
 
Protexer e asegurar os dereitos e a dignidade das persoas con discapacidade implica proporcionar os apoios necesarios para paliar a súa desvantaxe social e promover a súa participación nos ámbitos civil, político, económico, social e cultural. En Galicia hai preto de 17.000 persoas con discapacidade intelectual que precisan dun sistema estruturado de apoios para acadar a súa autonomía individual, incluída a liberdade de tomar as propias decisións e a exercer a súa independencia.
 
Para isto é preciso garantir o acceso ao ensino inclusivo, de calidade e gratuíto; a promoción profesional e as oportunidades de emprego, tanto no mercado laboral ordinario como no sector público; e un sistema de acceso á vivenda que recolla todas as circunstancias, así como programas orientados ao ocio inclusivo e ao envellecemento activo.
 
Desde esta Cámara, queremos ratificar o noso compromiso de defender o respecto pola diferenza e pola diversidade. Sumámonos, así mesmo, á promoción e ao recoñecemento das capacidades, dos méritos e das habilidades das persoas con discapacidade intelectual e das súas achegas en relación coa súa comunidade e contorna.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina