4.1 08/PNP-1573 (76711)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para reformular a aplicación da estabilidade relativa tras a reforma da política pesqueira común
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 636, do 09.02.2012
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, a:
1.- Elaborar un estudo xurídico e socioeconómico en relación coa incidencia no conxunto da frota pesqueira galega do mantemento da estabilidade relativa.
2.- Dar traslado destes argumentos diante dos organismos europeos e desenvolver todas as medidas políticas, xurídicas e incluso xudiciais en defensa dos intereses da nosa frota e co obxecto de reformular a aplicación da estabilidade relativa tras a reforma da PPC".
4.2 08/PNP-1575 (76726)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel, e seis deputados máis
Sobre o cumprimento do estipulado no convenio subscrito no ano 2006 co Concello de Vigo para a tramitación dun proxecto de incidencia supramunicipal e a dotación das correspondentes infraestruturas e servizos para a construción do Hospital de Vigo
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 636, do 09.02.2012
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a :
1.- Cumprir o estipulado no convenio subscrito en 2006 entre as consellarías de Sanidade e Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Vigo para a tramitación dun proxecto de incidencia supramunicipal e para a dotación das correspondentes infraestruturas e servizos para o Hospital de Vigo.
2.- Utilizar todos os mecanismos legais para que o Concello de Vigo cumpra co recollido no citado convenio".
4.3 08/PNP-1618 (77703)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Méndez Romeu, José Luis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir a carga de traballo, o mantemento dos postos de traballo e o desenvolvemento do plan industrial nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 646, do 23.02.2012
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a liderar a defensa dos estaleiros da ría de Ferrol e a que comprometa, así mesmo, o Goberno do Estado a:
1.- Garantir unha carga de traballo inmediata para os estaleiros da ría de Ferrol.
2.- Construír deseguido un dique flotante que garanta de inmediato postos de traballo e mellore a competitividade dos nosos estaleiros.
3.- Darlle pulo ao desenvolvemento do plan industrial.
4.- Facer unha política comercial activa co fin de acadar carga de traballo para Navantia nos estaleiros da ría de Ferrol”.
4.5 08/PNP-1639 (78634)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Soneira Tajes, María Soledad
Sobre a procura polo Goberno galego de fórmulas de colaboración e cooperación co Centro Galego de Bos Aires
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 654, do 07.03.2012
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a buscar fórmulas de colaboración e cooperación co Centro Galego de Bos Aires que permitan:
1.- Seguir mantendo liñas de diálogo baseadas no mutuo respecto e no diálogo permanente, que permitan a resolución dos graves problemas que hoxe sofre esta emblemática institución.
2.- Deseñar mecanismos de colaboración nos eidos económico, asistencial, sanitario, social, cultural, etc., entre a Xunta de Galicia e o Centro Galego de Bos Aires coa finalidade de garantir a supervivencia desta entidade e a preservación da cultura e da historia de Galicia.
3. - Establecer un marco de relación e interlocución entre a Xunta de Galicia e o Centro Galego de Bos Aires con regras claras e confiables, e mais unha interlocución con capacidade de asumir e garantir os compromisos acadados.
4.- Garantir a supervivencia do Centro Galego de Bos Aires como un faro da nosa cultura e como centro sanitario de referencia dos galegos que residen na República Arxentina.
5.- Buscar solucións para que os galegos asociados ao Centro Galego de Bos Aires teñan garantida a asistencia sanitaria.
6.- Colaborar co Centro Galego de Bos Aires, e co conxunto dos centros creados pola emigración galega, co fin de conservar e pór en valor o patrimonio cultural creado polos galegos e as galegas no exterior e asegurar a continuidade do seu labor asistencial no eido sanitario e social.
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2012