saltar ao contido

Santalices reivindica o Parlamento como escenario de consensos e piar do autogoberno e a democracia

Medallas do Parlamento 06/04/2016

- O Parlamento de Galicia acolleu o acto institucional conmemorativo do 35 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, que dotou a Galicia de autogoberno.

- Entregáronse, por vez primeira, as medallas da Cámara, que nesta ocasión recoñecen o papel dos ex presidentes do Parlamento, “protagonistas destacados da nosa Historia”

Santiago, 6 de abril de 2016.- “Reivindicamos a plena vixencia deste noso Parlamento, porque máis Parlamento galego equivale a máis autogoberno, a mellor democracia, a maior transparencia, piares da Galicia de hoxe e de mañá”. Así se expresou este mediodía o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto institucional organizado para conmemorar o 35 aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, no que tamén interviu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

“Este Parlamento ten acadado consensos extraordinarios –seino ben- e debe perseverar nelo, porque é o principal papel do poder lexislativo: xuntar vontades e buscar o mellor para a xente a través do debate, aprobando logo leis máis xustas, eficaces, e avanzadas”, sinalou Santalices Vieira.

A xuízo do titular do lexislativo galego, na sociedade actual, “que escora cara o individualismo e ás veces desesperanzada, ningunha institución ten unha responsabilidade máis determinante que o Parlamento para dar forma, con plena seguridade xurídica, ó mandato dos cidadáns, manifestado nas urnas a través do sufraxio universal, libre, igualitario, directo e secreto”.

Fixo tamén un chamamento a que no Parlamento do futuro, “o que nos une siga sendo o norte da Institución, con debates a fondo, clarificando, construíndo con respecto, exercendo as normas da cortesía parlamentaria”.

O presidente do Parlamento recordou os “atrancos e dificultades” que tivo que atravesar o vixente Estatuto de Autonomía antes da súa promulgación, e puxo en valor todo o camiño percorrido anteriormente. Lembrou que “desaparecida a ditadura, o Estatuto do 36 permitiulle a Galicia acceder á súa autonomía como nacionalidade histórica”.

Nacionalidade histórica, integrada e solidaria

Apuntou Santalices que Galicia reúne as condicións de pobo diferenciado, “forxadas século tras século: territorio, cultura, idioma, historia, tradicións, ... Unha nacionalidade histórica, si; pero perfectamente integrada e solidaria sen complexos, en España, en Europa, con vencellos moi fondos en Iberoamérica, e que está moi presente no mundo globalizado”.

“O feito diferencial sobre o que se asenta o noso autogoberno, consolidado neste período, reside nos galegos e nas galegas”, afirmou o presidente do Parlamento, que valorou tamén os “bos resultados” acadados ata o de agora. “Por suposto que cómpre seguirmos avanzado, per contando co criterio soberano do pobo galego; un pobo reflexivo, sabio e nobre, pouco dado a reaccións extremas, como as dos que propoñen rupturas que non lle interesan á nosa xente”.

Con todo, Santalices Vieira considerou que eses valores “non implican, de ningún modo, inmobilismo. Significan ter claros os obxectivos e o mellor xeito de os acadar”.

Potencialidades do Estatuto

Facendo balanzo destas tres décadas e media de Estatuto, o presidente da Cámara lexislativa considerou que Galicia foi quen de dotarse das súas propias institucións e de xestionar os principais servizos públicos. “O mesmo que a nosa identidade se reafirma día a día, a nosa autoestima afiánzase e medra a partir dos valores como a credibilidade, a solvencia, o crecemento, a riqueza e a estabilidade”, afirmou Santalices, convencido de que “temos tirado bo proveito das potencialidades do Estatuto e das institucións propias”.

Volvendo a vista atrás, Santalices Vieira agregou que coa chegada da democracia, “sen necesidade de importar modelos nin facer experimentos, persoas como Antonio Rosón, primeiro presidente da Xunta preautonómica e primeiro presidente do Parlamento, centraron todo o seu empeño na inxente tarefa de dotar ao país das institucións de autogoberno”.

“Dignísimos sucesores” de Rosón

“A Don Antonio Rosón rendémoslle tributo neste día tan sinalado como un dos artífices da Autonomía, labor extraordinario no que tivo dignísimos sucesores: Tomás Pérez Vidal, Victorino Núñez Rodríguez, José María García Leira, Dolores Villarino Santiago e Pilar Rojo Noguera”, que hoxe recibiron a primeira medalla do Parlamento de Galicia.

Todos e todas foron, en palabras de Santalices, “protagonistas destacados da nosa Historia, porque desde a Presidencia desta Cámara, souberon enfrontarse ós retos de cada momento, ofrecendo o mellor de si, facendo país”.

O acto rematou coa interpretación do himno galego a cargo da Coral de Ruada.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina