saltar ao contido

Santalices subliña o “talante aberto e dialogante” e o “compromiso galeguista” do presidente Albor

Simposio Internacional 16/09/2017

• O presidente do Parlamento de Galicia participou en Santiago no acto de clausura  do simposio internacional sobre Xerardo Fernández Albor e o seu tempo
 
Santiago, 16 de setembro de 2017.- “O talante aberto e dialogante de D. Xerardo, froito dun profundo compromiso galeguista, firmes conviccións democráticas e unha inquebrantable fe no autogoberno de Galicia no que entón non todos crían, permitiu dotar de alicerces sólidos a Comunidade Autónoma. Fíxoo sobre a base de amplos consensos, nos que cría e dos que deu exemplo”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto de clausura do simposio internacional Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, que hoxe rematou en Santiago.
 
O presidente do Parlamento situou a Fernández Albor entre os “pais fundadores” da autonomía galega, na medida en que tivo un “papel determinante como primeiro presidente da Xunta autonómica” e foi un “protagonista destacado da extensión do denominado galeguismo difuso entre as principais forzas políticas con presenza en Galicia nos albores da democracia”.
 
Da xestión de Fernández Albor á fronte da Xunta, Santalices Vieira destacou  o seu papel na adquisición do antigo cuartel do Hórreo para convertelo en sede do Parlamento, a decisión de unificar en San Caetano a sede administrativa da Xunta e a posta en marcha da radio e a televisión públicas de Galicia, como elementos de promoción e normalización da lingua galega.
 
Santalices expresou o seu agradecemento a Fernández Albor, “a vostede e aos que con vostede se esforzaron na procura dunha Galicia mellor, dona do seu destino, e exemplo de plena integración en España e en Europa, sen deixar por iso de cultivar os vínculos cos pobos irmáns de Iberoamérica”.
 
Na súa intervención, o presidente do Parlamento sinalou tamén que o Dr. Fernández Albor foi “un dos mellores cirurxiáns do seu tempo, e tamén un visionario no referido á organización e xestión sanitaria”. Ao seu xuízo, Xerardo Fernández Albor “contribuiu desde a práctica clínica a prestixiar a `Fonte Limpa´, como se denomina desde tempo inmemorial á escola médica compostelana”, por acudir a ela os casos máis complicados ou na procura dunha segunda opinión.
 
Recordou o titular do Lexislativo galego que este simposio pecha  diferentes recoñecementos á figura do presidente Albor, actos que tiveron o seu inicio no Parlamento o pasado mes de xaneiro coa celebración do 35 aniversario da Autonomía de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina