O Parlamento publica un libro coa investigación que certifica a orixe galega de Isabel Zendal, artífice do éxito da Expedición da Vacina que contribuíu a erradicar a varíola

Presentación libro 09/03/2018

• O presidente da Cámara presentou o libro en Ordes, localidade natal de Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional
 
• Santalices  felicítase dos avances orientados a superar a “lenda negra” anima a coñecer e “sentirnos orgullosos da nosa historia”
 
• O acto celébrase xusto despois do Día da Muller Traballadora, para “render homenaxe, recoñecer e agradecer o traballo de todas as mulleres durante todos os tempos”

Santiago, 9 de marzo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou este mediodía en Ordes o libro  Isabel Zendal nos arquivos de Galicia, obra o escritor e xornalista Antonio López Mariño que acreditou a orixe galega desta muller á que a OMS considera a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Zendal xogou un papel determinante para o éxito da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 partiu do porto da Coruña para inmunizar contra varíola en Iberoamérica (desde o norte de México ao sur de Chile, Filipinas e mesmo parte de China (Macao e Cantón).
 
Isabel Zendal, nada en Santa Mariña de Parada (Ordes)  foi a encargada de coidar aos nenos que facían de portadores da vacina e goza dun elevado recoñecemento en México, onde rematou a súa existencia, pero ata hai pouco era unha gran descoñecida en España e en Galicia. A investigación de López Mariño, recompilada neste libro editado polo Parlamento coa colaboración da Asociación Isabel Zendal, “remata con infinidade de confusións que rodeaban a figura desta heroína galega merecente de figurar nos libros de historia”, en opinión de Santalices.
 
O presidente do Parlamento agradeceu o a investigación histórica desenvolvida por López Mariño, pero tamén o apoio de Pilar Farjas, ex conselleira de Sanidade, impulsora e presidenta da Asociación Isabel Zendal, xurdida para divulgar a figura da enfermeira. Santalices trasladou tamén a súa felicitación ao alcalde de Ordes polas diferentes iniciativas que desde o Concello están a impulsar para sacar do esquecemento a Isabel Zendal.
 
Muller traballadora, galega e universal
 
Santalices Vieira explicou que a data elixida para a presentación deste libro, xusto despois do Día da Muller Traballadora, pretende tamén “render homenaxe, recoñecer e agradecer o traballo –remunerado e ser remunerar- de todas as mulleres durante todos os tempos”, focalizando a atención na figura de Zendal, “muller traballadora, galega e universal”.
 
Para Santalices, “as mulleres son e serán o motor que move o mundo e todo o que se faga para superar as desigualdades que aínda persisten será sempre insuficiente”. Animou a afrontar este reto “desde a unidade, fuxindo da confrontación, e facelo en todos os ámbitos, o público e o privado, porque a desigualdade se combate desde o fogar, desde a escola, desde as empresas, desde as institucións ou desde calquera recuncho no que esta eiva persista”.
 
Na súa intervención durante o acto celebrado na Casa da Cultura de Ordes, o presidente do Parlamento felicitouse polos diferentes traballos publicados en datas recentes para desmitificar a “lenda negra” que tantas veces empañou a historia de España e de Galicia.
 
“Por primeira vez en moito tempo comezan a descorrerse as cortinas que impedían coñecer boa parte do mellor do noso pasado”, con feitos como a Expedición da Vacina e outros que “deben facernos sentir orgullosos da nosa historia e animarnos a coñecela, a historia de España e a historia de Galicia, as dúas paralelas e indisolubles”.
 
“A Real Expedición Filantrópica da Vacina –afirmou Santalices- non foi un feito inusual ou illado na nosa historia”, e Isabel Zendal “xogou un papel determinante; sen ela, aquela xesta non tería sido posible, como recoñeceu o propio Balmis, o director da expedición”.
 
O perigo do movemento antivacinas
 
O presidente do Parlamento chamou a atención sobre o perigo que supón o movemento antivacinas. “A varíola, unha infección gravísima, é hoxe unha enfermidade erradicada grazas á aplicación das vacinas, unha lección que todas e todos, o conxunto da sociedade, deberíamos ter presente cada día e da que deberían tomar nota os irresponsables que se atreven a poñer en dúbidas as vacinas”.
 
Santalices foi precedido no uso da palabra polo autor do libro, Antonio López Mariño; a presidenta da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas Abadía; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
 
Tanto o libro presentado este mediodía, editado en galego, como as súas versións en castelán e en inglés, poden consultarse na biblioteca de libros electrónicos da web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamento.gal/Portada/LibrosElectronicos).
 
O titular do Lexislativo galego aproveitou a asistencia oa acto de alumnado e persoal docente do IES Maruxa Mallo de Ordes para convidalos a visitar o Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas