saltar ao contido

Santalices: “Nada do que sucede na nosa contorna resulta alleo ao Parlamento”

Foro 23/03/2018

• O presidente do Parlamento clausurou un foro internacional universitario sobre os dereitos humanos no Camiño de Santiago
 
• Reivindica a riqueza lingüística e cultural de Galicia, pero advirte que ningunha destas realidades deberían ser usadas “xamais” como barreira

Santiago, 23 de marzo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, clausurou este mediodía, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o Foro Internacional Universitario O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento. Trátase dun proxecto pioneiro promovido pola Organización Mundial do Turismo (OMT), Helsinqui España e o Grupo Compostela de Universidades que reúne a máis de 110 estudantes de 19 universidades de 13 países de todo o mundo.
 
Santalices explicou que “nada do que sucede na nosa contorna resulta alleo ao Parlamento, máxime nesta etapa, na que estamos empeñados en abrir portas e xanelas da institución e multiplicar a súa presenza social e académica para facela máis próxima, máis coñecida e, se é posible, máis querida por parte da cidadanía que nos elixe e á que nos debemos”. Agregou que tanto no Parlamento de Galicia como nas restantes Cámaras “estamos necesitados das ideas e das achegas da xente nova, do colectivo universitario, como o que vostedes representan e no que reside o futuro da humanidade”.
 
Galegos, españois e europeos
 
O presidente da Cámara destacou a riqueza lingüística, cultural e histórica da Comunidade, pero apuntou que tanto estes como calquera outro elemento identificador “xamais deberían ser usados como barreira. Ben ao contrario, sentímomos plenamente galegos, pero ese é  tamén o noso xeito de reivindicar a nosa condición irrenunciable de españois e de europeos de pleno dereito”.
 
Santalices pronunciou a súa intervención en galego para enxalzar “o idioma propio de Galicia, unha das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma, un auténtico tesouro do que nos sentimos orgullosos e que cultivamos nun espírito de bilingüismo cordial, en harmonía”. Os congresistas puideron seguir a intervención por escrito nunha edición trilingüe (galego, castelán e inglés).
 
Recordou que no Paraninfo da Facultade de Xeografía da USC, Otero Pedrayo pronunciou hai 60 anos o seu discurso de despedida da aulas e o fixo en galego, empregando este idioma na universidade por vez primeira  despois da Guerra Civil.
 
Unidade e diversidade
 
Explicou o presidente do Parlamento de Galicia que “esta forma nosa de nos relacionar e de ollar o mundo está intimamente relacionada co espírito europeo, perfectamente recollido no lema  da UE, `Unida na diversidade´, que reflicte o dobre obxectivo da Unión: traballar conxuntamente a prol da paz e da diversidade, mais facelo respectando e potenciando a pluralidade de linguas, culturas e tradicións que compartimos e que enriquecen este vello continente”.
 
Referíndose aos obxectivos de desenvolvemento sustentable en torno aos que xira o foro que estes días se celebra en Santiago, Santalices Vieira sinalou que ningún deles resulta alleo ao Parlamento.
 
Turismo e diálogo intercultural
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, “Santiago de Compostela é probablemente, pola súa historia e pola súa condición actual, un dos lugares máis adecuados para abordar cuestións tan de actualidade como o poder do turismo para promover o diálogo intercultural”.
 
Recordou que, ao longo da historia, canda os peregrinos a Santiago, “circulou tamén a cultura nas súas diferentes manifestacións”, ata o punto de que Compostela e Galicia xogaron un papel “determinante” no proceso histórico de construción da cultura europea.
 
“A diferenza doutros contornos monumentais, unicamente frecuentados por turistas ávidos de selfis, en Santiago conviven realidades diversas que se complementan e enriquecen mutuamente”, afirmou Santalices. Recordou que “aquí conviven turistas, viaxeiros á vella usanza, persoas en proceso de introspección persoal e a forza intelectual proxectada por unha universidade cinco veces centenaria”.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina