Santalices recomenda unha actitude aberta cara as novas formas de xestión e organización do traballo preservando os dereitos laborais

Congreso 31/05/2018

 
• O presidente do Parlamento participou na sesión inaugural do XXVIII Congreso da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que se celebra na Facultade de Dereito da USC
 
• Defende unha maior apertura social do Parlamento, tamén á Universidade, na procura de ideas e achegas que melloren a calidade do traballo de deputadas e deputados

Santiago, 31 de maio de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, defendeu hoxe unha actitude aberta fronte ás novas formas de xestionar e organizar o traballo, e recomendou que calquera reforma que se emprenda teña en conta os intereses dos traballadores e salvagarde os dereitos laborais.
 
O titular do Lexislativo galego compartiu esta reflexións na inauguración do XXVIII Congreso da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que desde esta mañá se celebra na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela baixo o lema Descentralización produtiva: novas formas de traballo e organización empresarial.
 
Apertura do Parlamento
 
Santalices Vieira reivindicou o espírito de apertura do Parlamento de Galicia co obxectivo de incrementar a confianza da sociedade nas institucións.
 
Apostou por unha maior presenza e relación da Cámara coa Universidade na procura de  ideas e achegas que melloren a calidade do traballo de deputadas e deputados. Puxo como exemplo o portal  xurídico Lex.gal, desenvolvido por proposta do Parlamento de Galicia coa colaboración da Xunta e da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, que ofrece, de balde,  unha base de lexislación galega consolidada.
 
O presidente do Parlamento subliñou tamén a importancia de ter en conta a opinión dos expertos, e a do conxunto da cidadanía, á hora de elaborar as leis na Cámara. Puxo como exemplo a súa experiencia durante a tramitación da Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, á que incorporou emendas suxeridas por cidadáns coñecedores da realidade sobre a que se estaba lexislando.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas